Cultura solicitará que a Ribeira Sacra sexa patrimonio mundial

La Voz OURENSE

ESGOS

O conselleiro recibiu o mapa do territorio que se pretende declarar patrimonio da Unesco.
O conselleiro recibiu o mapa do territorio que se pretende declarar patrimonio da Unesco. alex carausan< / span>

Ourense e Lugo entregaron os informes para a iniciativa ante a Unesco

19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Baltar xuntaba aos alcaldes ourensáns da Ribeira Sacra en Esgos, era setembro do 2013, para anunciarlles a súa intención de relanzar a iniciativa de solicitar a declaración da zona como Patrimonio da Humanidade. Onte o mosteiro de San Pedro de Rocas era de novo punto de encontro para un acto simbólico: a entrega á Xunta por parte das deputacións de Ourense e Lugo, e o Valedor do Pobo, dos informes técnicos que servirán de base para demandar no futuro a declaración da Ribeira Sacra como espazo patrimonial recoñecido pola Unesco.

O Valedor do Pobo, José Julio Fernández, foi o encargado de coordinar ao equipo de profesores universitarios e técnicos para elaborar os informes que foron entregados onte ao conselleiro de Cultura -Román Rodríguez recibiu un mapa da zona para a que se pretende o recoñecemento e un lapis de memoria con toda a documentación-. Fernández aproveitou para reivindicar o alto nivel científico do sector universitario galego e amosouse convencido da importancia que terá o traballo para a proceso de solicitude da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou que para a Xunta o territorio para o que se busca recoñecemento xa é patrimonio mundial: «Agora só falta que fagamos o camiño administrativo para que a Unesco recoñeza este territorio único». Lembrou a loita secular do home co medio para erguer os socalcos que lle permitiron prantar viñas e contar na actualidade cunha denominación de orixe mundialmente recoñecida e amosouse convencido de que a Ribeira Sacra será declarada Patrimonio da Humanidade «é difícil pero non é menos merecente do recoñecemento que lle acaban de conceder hai días á Champaña francesa».

Dende a Deputación de Ourense o seu presidente, José Manuel Baltar, agradeceu os informes elaborados e incidiu de xeito especial na unidade e traballo conxunto que están a desenvolver os concellos da Ribeira Sacra e as deputacións de Lugo e Ourense. Para Baltar Blanco o territorio xa é para os galegos un patrimonio mundial e compre que ese potencial sexa espallado e coñecido mundialmente.