Entrimo terá unha revista propia

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA OURENSE / LA VOZ

ENTRIMO

Agostiño Iglesias

Dous rapaces recuperan a cabeceira dun xornal de principios do século XX

01 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicente González (Entrimo, 1855) fundou o xornal O Picaraño en 1909. O seu fin era loitar contra o abuso caciquil e a manipulación das élites do poder municipal, e o seu desexo ter a oportunidade de contarlle a verdade aos seus veciños de Entrimo. O ourensán foi perseguido e obrigado a fuxir da súa terra natal cara Portugal por mor das represalias contra os colaboradores do xornal, onde continuou a súa loita política e social a través do xornalismo, fundando O Liberto. Quen lle ía dicir que máis de cen anos e varias xeracións despois, o seu esforzo calaría en dous mozos entrimeños que lle farían un tributo ao seu xornal en forma de revista cultural.

Reyes Rodríguez (1990) e Cristian Oliveira (1993), ambos orixinarios de Entrimo, volverán a achegar aos habitantes deste concello unha renovada versión de O Picaraño. Co apoio do Concello, antes de final de ano publicarase a primeira edición desta revista que manterá o nome e o obxectivo do xornal orixinal, pero desvinculándose da carga política. «Tomamos como referencia O Picaraño porque foi un xornal que non se parecía a ningún do momento, tiña corresponsais fóra de España pero non trataba contido internacional, senón só cuestións de interese para o público local de Entrimo, esa é a nosa meta e o noso nicho concreto», afirma Cristian. A revista cultural conservará o formato inicial e incluirá artigos que toquen distintas temáticas: humanidades, ciencias, lendas, contos, humor... Sempre e cando poida ser de interese para os veciños locais.

O historiador explica que en Galicia non houbo unha interrupción cultural ata os anos 60, polo que en lugares coma Entrimo o pulso da cultura non existe. Os intereses, os costumes e os temas de conversación seguen sendo os mesmos. «O que imos facer aínda non existe en Entrimo, queremos traer algo do futuro, da modernidade e da vangarda cultural que hai hoxe no mundo -aclara Cristian-, queremos crear á vez un espazo de encontro para a xuventude de Entrimo». Os dous promotores da iniciativa están abertos a calquera persoa que queira colaborar, tanto do concello como allea, e que poida aportar contido que xire entorno a Entrimo e as súas xentes. Ambos son conscientes tamén da despoboación que sufre o rural, sobretodo para xente moza que precisa buscar fóra o seu futuro profesional, polo que dende onde estean poden seguir presentes no seu pobo a través desta publicación. «Queremos que chegue a tódalas casas, que todos poidan comentalo á hora de comer, de calquer idade ou ideoloxía pero que teña o sello de Entrimo», declara Reyes.

A filóloga é bisneta do colaborador desde Bos Aires do antigo xornal. A entrimeña, aparte de ser unha forma de colaborar coa súa terra natal, afirma que tamén realiza esta iniciativa por «orgullo persoal». «E tamén para darlle un tributo porque nos parece moi importante que naqueles anos convulsos se sacara un xornal destas características, polo que creo que tiñamos que potencialo -detalla Reyes- , somos nós, a xente traballadora e humilde á que eles querían chegar, os que debemos facer esto. Estarían encantados de ver que Entrimo aínda ten características propias».

A poboación do concello ourensán xa se presenta «ilusionada» e «disposta a colaborar», según os organizadores. Aínda así, afirman que os máis receptivos son as persoas máis maiores, porque ademáis son as que coñecen ao orixinal O Picaraño. Asumen que o público máis difícil de conquistar serán as novas xeracións pola diminución do consumo en papel, pero esperan espertar o seu interese. «Temos que devolverlle o que eles nos deron», conclúe Cristian.

«Estarían encantados de ver que Entrimo aínda ten características propias»

«Queremos crear un espazo de encontro para a xuventude do concello»