Felipe Ferreiro Feijoo, presidente de Cruz Vermella: «Aínda hai fogares na provincia de Ourense que non dispoñen de baño»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CUALEDRO

MIGUEL VILLAR

A pandemia incrementou de forma notable a demanda de axuda e apoio

06 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non entraba nas previsións de Felipe Ferreiro Feijoo (San Martiño, Cualedro, 1951) rematar como presidente de Cruz Vermella de Ourense. Socio dende había anos, colaborador da entidade en diferentes actividades e membro da Comisión de Dereitos e Garantías, estaba centrado no seu traballo como profesor do IES As Lagoas cando lle chegou a proposta de asumir o cargo. Confesa que lle custou un chisco decidirse —«pareceume un compromiso moi serio e unha grande responsabilidade»— e recoñece que «a valoración do realizado e vivido neste tempo é moi satisfactoria. É certo que te enfrontas a situacións difíciles, e que é unha responsabilidade que require moito tempo, pero poder axudar á xente e conseguir mellorar a súa vida, no que se poida, é unha experiencia moi enriquecedora».

—Socios e voluntarios son a base do traballo da entidade?

—Os socios —sexan persoas, empresas ou entidades— son o noso sinal de identidade. E quen garante as achegas para que a Cruz Vermella funcione. Na actualidade, ao peche do pasado exercicio, temos 10.024 socios na provincia, o que xera uns fondos de 1.112.856 euros. Obviamente temos outras fontes para conseguir recursos —convenios con empresas ou administracións, entre outras— que nos fan chegar aos 3,7 millóns de euros que temos de orzamento. Contamos con 4.000 voluntarios, dos cales están activos sobre 1.400, e temos cerca de 80 traballadores.

—Cal é o día a día da institución?

—Temos dúas facetas ben diferenciadas: a recepción e atención ás persoas que se achegan á Cruz Vermella e o desenvolvemento dos programas para os usuarios: emprego, acollemento familiar, teleasistencia, acompañamento ao médico, formación e outros. Todos os días veñen catorce ou quince persoas a expoñernos a súa situación e a demandar a nosa colaboración, e hai que axudalos.

—En que porcentaxe incrementou a pandemia a demanda?

—En cantidade non sabería dicirlle, pero é certo que temos moitas máis solicitudes. Estamos nunha provincia cun feble tecido industrial e hai moita xente con emprego precario, a veces máis dun, que viven ao día ou no límite da pobreza. Ao faltar os ingresos uns meses a situación faise moi dura se non tes recursos ou axuda do Sergas. Cando vén alguén e che di que non ten para darlle de comer aos fillos... iso é moi duro. E daquela procuramos atender as necesidades que teñen, aos fillos, darlle apoio psicolóxico. E tamén hai quen non o di por vergonza.

—Despoboación e avellentamento son factores determinantes?

—Nesta provincia sen dúbida. E quedou de manifesto na pandemia, onde a xente quería falar e agradecía que os chamásemos dende o servizo de teleasistencia só por manter o contacto.

—As estatísticas nunca foron boas. Hai moita necesidade?

—Máis da que se cre. Nós temos agrupacións polas comarcas e atendemos a quen nos demanda axuda. Aínda hai fogares na provincia de Ourense que non dispoñen de baño na casa e se asean con axuda dun balde ou un caldeiro. E vivendas sen calefacción ou con que quentarse. Tamén casas ás que imos tapar os buratos das portas ou das fiestras para melloralas. A exclusión social e a infravivenda son un problema ao que tentamos darlle resposta.

—O inverno estase deixando sentir. Manteñen a axuda ás persoas sen teito?

—Temos un programa específico para as persoas que viven na rúa. Tentamos atender as necesidades que poidan ter no referido a sanidade, alimentación, axuda no que respecta á tramitación de axudas e outras xestións. E mantemos o servizo que se presta polas noites para ver se precisan abrigo ou comida.

«A prioridade é a formación e o emprego para superar a exclusión social»

O presidente de Cruz Vermella na provincia de Ourense debulla unha chea de programas e os seus obxectivos —da atención aos cativos á tutela, das accións en materia de medio ambiente á problemática da exclusión social— e mesmo tira de Informe Foessa sobre Exclusión e Desenvolvemento Social no Estado para darlle máis contido ás súas palabras.

—Teñen programas específicos de formación e emprego.

—Son aspectos moi importantes, e nos que queremos incidir de maneira especial, para axudar á xente a ter un futuro mellor. A prioridade é o emprego para superar a exclusión social e aí é onde entra a formación. Apostamos por darlle ás persoas as ferramentas necesarias para que poidan volver ao mercado laboral ou para que teñan unha oportunidade de traballar.

—Segue habendo demanda en materia de inmigración?

—É algo que se mantén no tempo. Chega xente de moitos países, do ámbito latino sobre todo, e deben facer fronte a aspectos como a homologación de estudos, o permiso de conducir e outras necesidades. Tamén temos clases de español para as persoas que veñen de países con outro idioma. E xente que demanda asilo, pero aí xa dependes de acreditar unha situación política ou uns feitos concretos e iso xa é máis difícil que o concedan. E tamén xente que pode necesitar axuda para regularizar a súa situación.

—Mantiñan hai unhas semanas un encontro con empresas do sector medioambiental?

—Procuramos, como dixen antes, buscar solución ás demandas de traballo que poidamos ter e este sector pode ser un dos que nos facilite que as persoas se incorporen ao mercado laboral.

Estudante exemplar, delegado da Xunta, cineclubista e avogado

A de Felipe Ferreiro Feijoo é unha historia exemplar de superación e esforzo. Con 13 anos substituíu ao seu pai, emigrado a Alemaña, como carteiro e tras a barra da tenda-bar da familia. Aos 15 marchou a Ourense preparar o exame de Ingreso e entre os 17 e os 19 anos, nos veráns, ía traballar ao mesmo país onde se atopaba o seu pai para pagarse os estudos. Fixo Mestría Industrial en Madrid, compaxinou a Formación Profesional co Bacharelato e o COU por libre, e aos 22 anos estaba de novo en Ourense para comezar os estudos de Maxisterio. Logo rematou as carreiras de Galego-portugués e Hispánicas, e máis tarde licenciouse en Dereito pola UNED. Impartiu ensinanza na Universidade Laboral, foi director da Escola de Idiomas e, entre outras responsabilidades, xubilouse como profesor do IES As Lagoas. Durante anos exerceu como delegado da Consellería de Cultura en Ourense e logo pasou a asumir o mesmo cometido en Educación.

—Como rematou de delegado?

—De casualidade. Era algo no que nunca cavilara. Foi cando morreu Gabino Fernández, que era delegado de Cultura. Estaba de vacacións en Nigrán e chamoume unha persoa da Xunta para propoñerme que me incorporase ao posto. Estaba integrado no movemento cultural da cidade —era membro do Alexandre Bóveda e tiña relación coa Casa da Xuventude e a xente que daquela estaba facendo cousas: Benito Losada, César Ansias, Trebolle...— e pareceume unha boa oportunidade para promover iniciativas.

—Cultura ou Educación?

—En Cultura estiven moi a gusto porque era un mundo no que me movía e tiña amizade coa xente do sector. Como anécdota apuntar que houbo uns meses que fun delegado de Ourense e Pontevedra. Tiven que facerme cargo da xestión da provincia un tempo porque quedaran sen responsable. Logo xa foi cando designaron a Pilar Rojo.

—Como fixo para que non o acabaran levando á política?

—Nunca mo propuxeron. Supoño que ao mellor por vir dun entorno galeguista, non sei. Sempre me levei ben con todo o mundo e non me chamou a política.

—Que me conta da súa etapa de cineclubista no Padre Feijoo?

—Que foi marabillosa. Eran os anos de Maxisterio e tiña a Pepe Paz de profesor e tamén estaba Emilio Losada, que o fundara. Pasamos películas moi boas, e tiñan moito éxito os ciclos de cine francés. O Mary enchíase e había que repetir pases porque era moitísima a demanda.

—Avogado?

—Sempre tiven a ilusión de facer Dereito, chamábame moito. E ata cheguei a exercer: só levei unha demanda, que gañei. Di o meu amigo González Trigás, que me axudou moitísimo para facer a carreira, que son o mellor avogado que coñece porque conseguín gañar o 100 % dos casos (ri). Aínda que non exerzo si que estou colexiado. Nunca se sabe.

Quen son

«Unha persoa sinxela e traballadora que procura estar activa e axudar á xente no que poida. O meu obxectivo é sempre buscar a concordia e a humanidade das persoas e emociónome cando hai cousas nas que se me necesita e podo axudar a alguén. O mellor é sempre facer o ben»