A Xunta invertiu 1,13 millones de euros en infraestruturas en Cualedro

La Voz

CUALEDRO

MIGUEL VILLAR

A conselleira Ángeles Vázquez visitou a zona para comprobar o resultado e os avances das últimas obras cofinanciadas polo seu departamento

31 jul 2020 . Actualizado a las 14:25 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizou desde o ano 2009 máis de 1,13 millóns de euros no Concello de Cualedro a través de diversas actuacións urbanísticas para mellorar servizos, infraestruturas e equipamentos públicos, rehabilitar inmobles para destinalos a vivendas. A conselleira Ángeles Vázquez visitou a zona para comprobar o resultado e os avances das últimas obras cofinanciadas polo seu departamento neste municipio . Acompañada polo rexedor de Cualedro, Luciano Rivero,  achegouse ata a contorna das cinco vivendas de mestres que foran rehabilitadas o ano pasado grazas a unha liña de axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo para concellos de menos de 20.000 habitantes. Unha vez rematados os traballos nos inmobles, cun investimento por parte da Xunta de case 320.000 euros, o Concello presentou un proxecto para acondicionar o entorno destas vivendas ao abeiro do Plan Hurbe. Ángeles Vázquez explicou que en total a Xunta investiu 94.339 euros nestas obras de urbanización, que acaban de rematarse e incluíron a colocación de novas beirarrúas, a instalación de sistema de saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais e a colocación de alumeado público.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente destinou entre o ano pasado e este máis de 413.000 euros a poñer a punto estas cinco vivendas -que en breve serán ocupadas polas familias adxudicatarias- e a humanizar o aspecto e os servizos do lugar onde se localizan, para o seu uso e desfrute por parte de toda a veciñanza.

Piscinas descubertas

Tamén no marco do Plan Hurbe, Ángeles Vázquez visitou as obras das novas piscinas descubertas de Cualedro. O investimento total comprometido para esta actuación supera os 400.000 euros, cofinanciados nun 70 % pola Xunta,  e os traballos, que comezaron a principios de xullo, avanzan a bo ritmo. A conselleira adiantou que as novas instalacións municipais, que inclúen unha área de vestiarios, cafetería, enfermería, zona verde e aparcamento, estarán rematadas a finais deste ano ou comezos do que vén, poñendo así fin a unha “vella demanda veciñal” xa que, como lembrou, Cualedro é un dos poucos municipios da comarca sen este servizo.

Tras o seu percorrido polo concello, Vázquez Mejuto subliñou o importante esforzo investidor realizado pola súa Consellería en Cualedro nos últimos anos. Así, lembrou que ademais das dúas actuacións que visitou hoxe e das axudas para rehabilitar cinco vivendas municipais destinadas a alugueiro social, desde 2009 mobilizou a través do Plan Hurbe máis de 400.000 euros en tres obras: rehabilitación da contorna da igrexa, acondicionamento da praza da Xuntanza, e mellora do pavimento e dos servizos da rúa da Igrexa e adaptación do Toural da Feira.