A Festa da Malla volveu reivindicar o traballo do agro

d. c. LALÍN / LA VOZ

CORTEGADA

Adrián Freiría

A pesares da chuvia a centos de persoas acudiron a Doade para gozar da recreación deste proceso tradicional

20 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A chuvia que caeu durante a noite anterior e pola mañá non empanou a Festa da Malla Tradicional que organiza como cada ano dende fai 24 a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón. Evidentemente tanta auga desluciu un pouco a festa, pero non foi suficiente para frear esta representación dos procesos deste traballo agrícola que se converteu nunha exaltación do agro, das aldeas e das nosas tradicións.

Co edil Avelino Souto como mestre de cerimonia, a recreación foi levada a cabo por preto de setenta voluntarios que vestían prendas tradicionais. O carrexo de molos, a malla á pedra, con males, coa malladoira manual, con motor e con tractor. Con algunhas precaucións a causa da chuvia, tendo que tapar algunha máquina, este percorrido pola progresiva mecanización do traballo agrícola demostrou unha vez máis porqué recibiu a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais, houbo premios para aqueles participantes cos mellores roupaxes.

Esta defensa e reivindicación do agro comezou unha hora antes coa apertura da mostra de artesanía, maquinaria e pintura onde a gran estrela foi o inventado por Maximino Míguez que funciona cunha caldeira de pellets.

Aínda caían algunhas pingas á hora do xantar popular, pero a carpa protexeu ben aos comensais que se fartaban de polbo e carne ao caldeiro. Tocaba repoñer enerxía para gozar dunha serie de concertos que configuraban o Serán da Malla, o cal cumpriu nove edicións.

Os Amigos do acordeón Terras de Celanova, as pandeireteiras da Xariza de Parada, A Carballeira de Cercio, Os Dezas de Moneixas, O Carballo da Manteiga, As Ferreñas de Cortegada e Os Trasnos de Doade puxeron a música para un animado público que se entregou ao baile e ao cante. Para rematar, culminou a Festa da Malla o concerto de Cantos da Terra do Salnés.