Adeus ao mestre de xeracións de músicos da moi mariñeira vila de Carril
CORTEGADA
O pobo de Carril despedía onte a un deses seus veciños que tan orgulloso o fai sentir do seu
22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Disque ninguén morre mentres alguén recorde a súa cara, a súa voz, os seus xestos e miradas; ou a pegada que os seus actos deixaran gravados ao seu arredor. Moito terá que froallar nas follas de loureiro de Cortegada antes de que a última pinga de recordo de Manolo Diz Búa acabe perdida no vento do tempo.
O pobo de Carril despedía onte a un deses seus veciños que tan orgulloso o fai sentir do seu. Un home que dedicou máis de medio século a compartir o seu amor pola música e polo mar entre a xente coa que convivía nas mesmas rúas, no mesmo cacho prezado dunha ría onde resulta doado escoitar música na brisa. Dirixindo a rondalla do Gato Negro, un dos tesouros máis prezados polas xentes da vila mariñeira de Carril; tocando guitarra, laud e bandurria para os oídos dos demais, e para os dedos de tantas xeracións de músicos ao longo da historia da agrupación. Compoñentes que foron e son da súa rondalla ofrecéronlle onte a última melodía ao mestre á saída da igrexa. A última imaxe que fará inesquecible a Manolo.