Un roteiro literario lembrará a relación de Graham Greene con Oseira e as terras do Ribeiro

Máis de 120 profesores solicitaron participar na experiencia que se desenvolverá o vindeiro 7 de abril


ourense / la voz

Os Centros de Formación e Recursos da Consellería de Educación organizan propostas para os docentes galegos. Entre elas figuran as dos roteiros literarios por Galicia e por outras partes do Estado. Iniciativas vencelladas a Castelao, aos persoeiros da lírica medieval, a Eduardo Pondal ou a Novoneyra son propostas que se desenvolven en Galicia e tamén hai actividades vencelladas a Miguel Hernández por Orihuela, á Vetusta de Clarín -o Oviedo de La Regenta- ou o roteiro de Valle-Inclán centrado en Luces de bohemia.

Entre as propostas promovidas polo CAFI, o centro de recursos para o profesorado de Conpostela, figura o Roteiro literario Graham Greene. Entre O Ribeiro e Oseira. A actividade está programada para o 7 de abril e contempla entre as súas paradas visitas ao mosteiro de Oseira, ao pobo de As Regadas, ao paraxe de Souto e ao bosque de Ridimoas, entre outros espazos. O fío argumental da experiencia será a relación do escritor inglés con Oseira e as terras do Ribeiro -espazos que percorreu xunto ao crego Leopoldo Durán- e a presenza de todos os lugares que se visitarán na obra Monseñor Quixote, de Graham Greene.

De Oseira ás Regadas

O cartel elaborado para espallar a convocatoria inclúe, xunto unha imaxe de Greene e Durán, unha cita da novela: «Outra media hora despois entraran na zona vinícola. Á súa dereita, as viñas tinguían de verde as abas meridionais, e á esquerda, ao longo dun acantilado estendíase unha aldea decrépita, coma un cadáver abandonado, unha casa en ruínas acá e acolá, unha boca de dentes rotos. As Regadas».

Dende o Cafi de Compostela coordina o roteiro do vindeiro 7 de abril Carlos Rodríguez Pérez. Sinala que a idea inicial era seguir as pegadas da novela e rematar a visita cos profesores no mosteiro de Oseira, aínda que os horarios da comunidade cisterciense convertéronse na peza que facía difícil encaixar as previsións iniciais. «Daquela o que fixemos foi darlle a volta á experiencia para comezar a visita coñecendo Oseira e lembrando as visitas que Graham Greene e o Padre Durán fixeron ao mosteiro cisterciense», sinala Rodríguez Pérez. O roteiro pasará logo por Mouriscados, penúltima parada da novela, e seguirá por As Regadas -a onde ían o escritor e o sacerdote para conversar e catar o viño de Antonio Nogueiras-, á carballeira do Souto -o lugar ao que ían xantar- e rematará a experiencia cunha visita ao bosque de Ridimoas. Esta última parada ten como obxectivo «engadir un atractivo máis ao roteiro literario, xa que será de gran utilidade para o profesorado do alumnado de ciencias», sinala o organizador da actividade.

Grazas á Uned e colapso

Carlos Rodríguez pon diante dos datos, contidos e demais un recoñecemento e unha gratitude. «O roteiro foi unha idea da Uned e un proxecto creado polos profesores Luis Gulín, Elena de Prada e Rosa María Estévez. Non se conseguiu levar a cabo no seu momento e nós pedímoslle permiso, creo que foi no 2016, para adaptalo aos nosos roteiros e aos contidos para o profesorado. Daquela é preciso que quede constancia de que a idea foi da Uned de Ourense e destes profesores», sinala o coordinador da experiencia.

O único atranco da iniciativa semella a demanda. Segundo o coordinador do roteiro as prazas son 50 e onte estaban inscritos un total de 127 profesores. «Se todo o mundo confirma a súa participación imos ter un problema. Ou facémolo dous días ou quedará

xente fóra».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Un roteiro literario lembrará a relación de Graham Greene con Oseira e as terras do Ribeiro