Os pactos non maduran

Xosé M. Rodríguez ANACOS

CORTEGADA

11 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

isque non debe ser boa estación esta para os pactos. E máis nunha provincia como a ourensá na que non poucas siglas veñen mesturadas con vellas diferencias e liortas que deixaron feridas aínda non pechadas. A cidade pode ser unha boa mostra da guerra de guerrillas que se está librando por moitos dos concellos: un acordo contra natura PSOE-Democracia Ourensana non ten posibilidades de saír adiante -os socialistas traizoaríanse a si mesmos se petasen á porta de quen os destrozou nos xulgados, convertíndoos en centro de todas as denuncias e as sospeitas- e ao PP só lle queda agardar e deixar pasar o tempo para colleitar a froita madura. Mais o futuro non vai ser doado, cun goberno en minoría e un escenario conflictivo en exceso, con DO desautorizándose dende o primeiro minuto -Jácome nunca debeu dicir aquilo de ou alcalde ou dimisión, como Barquero lamentará durante anos non estar calado cando afirmou que se o imputaban dimitía-, e sen aliados posibles na corporación máis alá de propostas puntuais. Os populares esgrimiron a bandeira do medo, eles garantizaban a estabilidade fronte a experimentos de bipartitos e tripartitos, e semella que van estar lonxe de asinar o goberno de tranquilidade que lle venderon aos ourensáns.

O que pode ser interesante nunha provincia de virachaquetas -de Porqueira a Cortegada e de Os Blancos á Bola- son as referencias dalgúns veteranos da política ourensá advertindo dun suposto «tamayazo» nun concello próximo á cidade. ¿E será?

D