O prazo para presentar textos ao concurso Relatos de Verán conclúe o vindeiro domingo

La Voz REDACCIÓN

COLES

Imaxe da Casa Grande do Bachao
Imaxe da Casa Grande do Bachao Cristóbal Ramírez

Unha selección dos textos participantes publicarase no xornal durante o mes de agosto

16 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As persoas interesadas en participar no concurso literario Relatos de Verán que convoca La Voz de Galicia teñen ata o vindeiro domingo de prazo para enviar os seus textos. Ese día remata o período de recepción dos orixinais, dos que unha selección se publicarán nas páxinas do xornal e na súa edición impresa durante os 31 días do mes de agosto.

Establécense dúas categorías, unha para participantes que aínda non fixesen os 16 anos, e outra para quen superen esa idade. Na primeira, o premio será unha tablet, mentres que na segunda o galardón consiste nun bono para unha estancia de dúas noites para dúas persoas en cada un destes pazos: a Casa Grande do Bachao, en Santiago; a Casa Grande de Rosende, en Sober; a Casa Grande Soutullo, en Coles, e a Rectoral de Fofe, en Covelo. Serán os propios lectores a través dos seus votos os que decidirán os gañadores de ambas categorías. O xornal publicará uns cupóns nos que os lectores poderán votar polos relatos que máis lles gustasen. Os nomes dos gañadores faranse públicos durante o mes de setembro.

O prazo de presentación, xa que logo, remata este vindeiro domingo. Pode participar calquera persoa que o desexe, con relatos tanto en galego como en castelán. As dimensións non deben exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos incluídos. Os orixinais deberán acompañarse cos datos do autor: nome, idade, enderezo, DNI, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve indicación biográfica. Os menores de 14 anos deberán acompañar unha autorización dos seus pais ou titores legais, cos seus respectivos datos. 

Enderezos

As obras deberán enviarse ao enderezo de correo «21.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña». De enviarse por correo postal, o relato debe estar gravado nun soporte informático. Tamén se pode remitir ao enderezo de correo electrónico relatos@lavoz.es.

Dende hai xa dous decenios o certame dos Relatos de Verán é un clásico da temporada vacacional e supón unha xanela aberta ás inquedanzas literarias dos lectores de La Voz. Dáse a circunstancia de que algúns dos participantes, co paso dos anos, publicarían os seus propios libros.