Adeus «ao gran cronista de Ourense»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

COLES

Santi M. Amil

Recoñecemento unánime e dor polo pasamento do escultor Arturo Baltar

20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O neno que fixo a descuberta do que era a arte dándolle vida coas súas máns aos anacos de miga de pan rematou por ser un recoñecido escultor que foi quen de escribir a historia da súa cidade e do seu tempo con barro. E moito, moito, pero que moito máis. Un marabilloso contador de historias, un actor ocasional, un amante do cine, un tertuliano brillante, un fabulador inxenioso e convincente, un camiñante, un amante da natureeza, un apaixoado do flamenco... e na cerna, na esencia mesma da súa vida, un home bo e sinxelo -tímido sen falsas modestias- que quixo gozar da vida logo dos malos tempos da infancia e dunha sociedade, a ourensá daqueles anos, na que lle mirou aos ollos á fame, á represión e á falta de liberdades.

O pasamento de Arturo Baltar causou unha sentida dor na sociedade ourensá, coincidindo en salientar a súa condición de artista que marcou unha época e o de excelente persoa que sempre contou co cariño, a amizade e o recoñecemento dos ourensáns.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, sinalaba a primeira hora da mañá nunha declaración institucional «o profundo pesar polo pasamento de Arturo Baltar, un referente da cidade, un ilustre de Ourense e un artista de recoñecido prestixio internacional». Lembrou que o Concello abría ao público hai uns días o belén do escultor ubicado na capela da Praza de San Cosme e San Damián «a súa verdadeira xoia, da que se están a cumprir os 50 anos» e que «Ourense sempre estará en débeda coa súa arte e a súa sensibilidade».

Para o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, a identidade de Ourense non se entende sen o traballo deste «artista inmortal».

Para o escultor Acisclo Manzano o artista foi o referente da cidade. «Arturo Baltar foi o home que máis defendeu a Ourense. Un gran escultor, brillante, boa persoa, amigo dos amigos e o artista que sempre estará dentro de min. Coñecino nos anos 50 e sempre tivo un trato exquisito. El foi quen mellor contou a cidade; Arturo Baltar foi o gran cronista de Ourense», segundo o creador.

A Festa da Palabra do 2010 adicou a súa homenaxe ao escultor. O presidente do Pen Clube de Galicia e da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, sinalou que «Ourense perde ao derradeiro artista bohemio, porque o talento e a mestría de Arturo Baltar nada ten que ver coa concepción actual da arte». O desaparecido artista tamén participou durante anos na homenaxe anual que o Pen lle tributa a Eduardo Blanco Amor no cemiterio de San Francisco.

O creador dos retablos que recollen a vida da cidade e de pezas relixiosas

Aínda que o nome de Arturo Baltar quedará para sempre vencellado ao seu coñecido belén, o artista desenvolveu unha recoñecida e singular faceta creativa que se manifestou en moitos outros proxectos. Os seus retablos, que se amosaron durante anos en San Francisco e hoxe son o fondo principal do museo que leva o seu nome, son a testemuña do seu tempo, da vida social ourensá e dos espazos máis senlleiros e coñecidos da cidade. Tamén se significou na creación de pezas vencelladas á devoción relixiosa -de santos a trípticos e outros materiales-, á figuración e traballo o cartelismo, entre outras facetas.

Libro póstumo

A obra e a figura de Arturo Baltar, que será soterrado hoxe en Santa María de Barra (Coles), aparecerán recollidos nun libro que está a preparar Marifé Santiago Bolaños e que publicará Huso Editorial.