«Durante a guerra era o neno que ía no enterro dos mortos do hospital»

Arturo Baltar mantén viva a memoria das tertulias, os cafés cantantes e os intelectuais


ourense / la voz

Dende os ollos de neno que manteñen accesa a memoria de Arturo Baltar lembra o escultor moitas das experiencias vividas ao longo destes anos. Percorreu os camiños todos, dá conta deles e seguen a ser o espazo natural polo que se move as máis das veces para achegarse á cidade ou para desprazarse aos pobos cercanos -e nos primeiros anos dende o Coles natal á cidade-, e gosta de coidar o seu fermoso xardín e as árbores na súa casa de Cachamuiña. E da conversa demorada nalgún recanto da finca ou xunto a algunha das fiestras da vivenda que miran cara o seu particular labirinto.

Tocoulle vivir malos tempos, os da guerra e a represión, os da fame -«había moita pobreza e pasábase fame, mais había que vivir»- e a falta de liberdades. Aqueles anos mozos están vencellados ao espazo que garda moitas das súas lembranzas: «Aquí no campo das Mercedes había moita vida e moito ambiente, aínda que non eran bos tempos. Era unha época moi tráxica, brutal. Empezara a guerra e na casa onde vivía fusilarán a dous fillos e despois á nai, a señora María de Velle. Sacaran de aquí as escolas e tiñan aí o hospital. Chegaba a xente malferida, esfameada e en moi malas condicións. Era raro o día que non había un morto ou dous no hospital. Entón escollía o enterro que me parecía e ía detrás, tiña unha cara moi especial para iso, para os enterros, aínda que agora me cambiou moito. Ademais daba unha impresión tremenda: ver a un neno, de pantalón curto, detrás da caixa. Xeralmente eran persoas que non tiñan aquí familiares e o único que ía era o sacristán coa cruz. E por aí subíamos, camiño do cemiterio de San Francisco. Supoño que a esa idade non eres moi consciente do que fas, pero durante a guerra eu era o neno que ía nos enterros dos mortos do hospital. Xa ves!».

Naqueles tempos de portas abertas entraba e saía da casa dos seus veciños, Manuel Prego e a súa muller Blanca, e fixo de modelo do pintor para algunha das súas obras. El decantouse pola escultura, as mans empezáronlle a traballar creando pezas con miga de pan e rematou na Escola de Artes e Oficios, onde foi discípulo de Faílde. Desenvolveu a súa carreira artística ao tempo que participaba no movemento cultural e social da cidade: as tertulias, a amizade con Risco e con outras figuras da época, como Blanco Amor ou José Suárez, o seu papel de actor-escultor en Acariño galaico -o documental de Val de Omar-, as mostras en cidades como Vigo ou Compostela -con Enrique Massó e Iglesias Alvariño como valedores- e o ambiente das salas de festas e dos cafés cantantes. «Había moita animación e lembro os tempos en que Julio Losada traía a figuras de moita sona. Alí vin a Lola Flores, aínda que xa viñera antes a Ourense. Trouxérana os da Bilbaina». O desaparecido café cantante do Paseo protagoniza un dos seus retablos e dende o banco na praza das Mercedes no que está sentado agroma o seu sorriso pillabán. «Se volveran abrir La Bilbaina ía traballar alí, aínda que tivese que pagar por traballar. Aquilo era unha festa... facían tres funcións ao día. Aínda teño algunha ficha das artistas que pasaron por alí».

Recoñece Arturo Baltar que nalgunha reviravolta dos primeiros anos creu ter vocación relixiosa, que de seguido desapareceu. Lembramos unha vella conversa sobre a súa querencia polo flamenco e as súas viaxes a Sevilla para participar na feira e mantén a posición: «Do que sempre tiven vocación foi de cantar e de bailar. Gostaríame ter sido bailaor. Total. Aínda non perdo a ilusión de facelo algún día».

«Sempre tiven vocación de cantar e bailar. Gostaríame ter sido bailaor»

«Se volvera abrir La Bilbaina ía traballar alí, aínda que tivese que pagar por traballar»

«Os retablos son o soporte perfecto para expresar as miñas vivencias»

Arturo Baltar é o único artista que conta cun espazo expositivo na cidade. O edificio da praza de San Cosme amosa a súa colección de retablos e outras pezas, e dende alí accédese para visitar o belén -a capela só se abre ao público no Nadal-. O primeiro belén foi creado para expór nos soportais do Concello de Ourense -aquel perdeuse e nin se sabe onde andan as pezas-, logo instalouse na catedral e conforme ía crecendo rematou por ter o seu espazo propio na capela de San Cosmne. Aínda que é autor de varios carteis sinala que nunca contemplou adicarse á pintura. «Góstame, e pasaba moito tempo en casa de Prego, mais nunca me atrevín con ela. Tíñalle un pouco de medo. Os retablos son o soporte perfecto para o que quería facer, para expresar esa memoria das vivencias e os espazos que desexaba crear. Debería ter feito máis traballos deses».

A figura e a obra de Arturo Baltar volverán de novo á actualidade coa presentación da publicación que lle adica Linteo, obra de Marifé Santiago Bolaños. E Antón Lopo traballa noutra proposta.

Quen é. Profesión. O seu recanto.

Quen é. Arturo Baltar naceu en Quintás da Barra (Coles). Acostuma a dicir que pasa dos 500 anos. Mantén o misterio da súa idade, aínda que non como en tempos. «Teño un ano máis que ese que acabas de dicir».

Profesión. Escultor.

O seu recanto. O vello campo das Mercedes, a patria da infancia onde se xuntaban as pequenas casas, as hortas, o pozo da chocolatería dos Remedios, as familias coñecidas nun tempo de portas abertas e, tamén, as traxedias que viñeron coa guerra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«Durante a guerra era o neno que ía no enterro dos mortos do hospital»