«Baltar quere verse como modernizador da provincia pero a realidade desmínteo»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

CHANDREXA DE QUEIXA

Álvaro Vaquero

Fraga di que o PSOE seguirá «erre que erre» reivindicando un reparto obxectivo das axudas fronte ás políticas «caciquís»

02 sep 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Despois de que a Deputación non convocase ningún acto coa súa presenza desde o día 6 de agosto, José Manuel Baltar reapareceu onte para asistir á Festa do Cordeiro de Chandrexa de Queixa. «Non sei se cualificalo como desleixo, pero si porque a provincia necesita de algo máis que das súas campañas de imaxe. Hai unha situación moi preocupante nesta provincia e iso non se responde co silencio. Por poñer un exemplo: vimos que este verán, un ano máis, nos asolaron os incendios e aquí, xa bastante entrados no verán, tomouse unha iniciativa de cara á galería para facer un estudo sobre as faixas de protección dos pobos. Así chegou despois a realidade e volveu todo a arder», di Francisco Fraga (Ourense, 1972), que pronto cumprirá un ano como voceiro do PSOE na Deputación Provincial.

-¿Como lle explicaría a quen non coñece Ourense quen é José Manuel Baltar e como xestiona a provincia?

-Non hai máis que explicarlle a esa persoa cales son os datos económicos da provincia e como está e que se dea un percorrido, sobre todo polo rural. E a partir de aí preguntarase cales son as políticas que nos trouxeron ata aquí. E pode contrastar esa realidade coas políticas de imaxe que fai este presidente. Non casa; Baltar pretende verse como modernizador da provincia, pero a realidade desmínteo continuamente. Non hai máis que ver o que está pasando coa seca, co transporte público, coa atención sanitaria, cos incendios ou mesmo coa situación demográfica da provincia. E tamén o que segue pasando co reparto dos fondos, que seguimos nas mesmas de sempre, coas políticas clientelares e caciquís.

-Precisamente, o PP negouse ao plan que propón a oposición para repartir os fondos baixo criterios obxectivos. ¿Ve algunha posibilidade de que cambien de opinión?

-Eu creo que as sociedades progresan. É certo que hai momentos nos que se involuciona, pero a sociedade tira para adiante e sobre isto nós imos seguir erre que erre. Se queremos ser unha Deputación democrática, transparente, obxectiva, que axude aos concellos, non basta con parécelo, hai que selo. E nos imos seguir pelexando ata que isto sexa así porque melloraría moito a xestión dos 91 concellos da provincia [excluíndo á capital] e permitiría aos alcaldes algo fundamental, deixar de ser esmolantes ou pedigüeños e poder planificar sen ter que vir pedir o favor a outra Administración.

-Di que a súa proposta beneficiaría a todos os concellos. ¿Sabe dalgún alcalde do PP que apoie as súas reivindicacións?

-Iso nolo teñen dito non un nin dous, senón bastantes alcaldes do PP. O que pasa é que publicamente non o din. Nós imos levar a todos os concellos unha moción, co cal eses alcaldes van ter que pronunciarse e van ter que xustificar por que rexeitan ese diñeiro.

-Inicialmente acusábaselle de ser morno como portavoz da oposición, pero agora parece máis vehemente. ¿Houbo un cambio de estratexia?

-Cada un é como é e ten as súas formas de ser. A min gústame ser unha persoa seria e rigorosa. Isto ás veces non dá espectáculo pero é que a min non me gusta a política-espectáculo porque non soluciona os problemas da cidadanía. Isto significa preparar ben os asuntos que se levan aos plenos e facer unha labor de fiscalización e de control que moitas veces non sae nos medios de comunicación. As miñas ideas sempre foron as mesmas e a maneira de defendelas tamén; a vehemencia é a mesma.

-Pregunteillo ao inicio da súa etapa como voceiro e pregúntollo agora. ¿Cree que Baltar está máis cómodo agora con vostede á fronte da oposición?

-Non o creo porque nós o que facemos é poñer enriba da mesa o que el non quere ver. Estamos acostumados ás manobras de distracción do PP cando nós presentamos algunha iniciativa, pero eu nese xogo non penso entrar. Non sei se Baltar está cómodo ou non; ao mellor en canto as formas pode estar un pouco máis cómodo pero en canto ao fondo non creo.

-Despois da crise interna, ¿como é agora a convivencia no grupo socialista?

-É unha convivencia normal, eu sempre procurei que o fose porque nunca levo as cuestións da política ao ámbito persoal. Son cuestión que pasaron e o grupo está traballando con absoluta normalidade.

-O exvoceiro presenta iniciativas e preguntas pola súa conta. ¿Que lle parece?

-Esas cousas non as vou comentar porque xa se comentan por si soas.

Sobre Pedro Sánchez: «Non me gustan os partidos cesaristas, cun líder que impón»

Nas recentes primarias, Francisco Fraga apoiou a Susana Díaz en lugar de a Pedro Sánchez para liderar o PSOE e o rumbo que está tomando o partido non lle gusta. Di que o novo secretario xeral ten por agora o seu apoio pero rapidamente matiza: «Hai algunhas cousas nas que me costa recoñecer ao partido no que eu milito desde hai anos».

-¿Como a lea da plurinacionalidade?

-Si, ese é un tema importante. Ademais a min gústame que os partidos sexan plurais e que se respecte esa pluralidade interna. A min gústame que funcionen os órganos colexiados, representativos, e non me gustan os partidos cesaristas, cun líder que impón. Os partidos políticos teñen os seus equilibrios e os seus órganos colexiados porque son importantes á hora de tomar decisións políticas e á hora de controlar o líder, que tamén ten que ser controlado.

-¿E vai o partido por esa vía «cesarista» que di vostede?

-Leva poucos meses e hai que darlle tempo para visualizar que é o que quere facer porque ata agora pouco coñecemos. Hai que ir vendo como se asenta todo iso, pero o que agardo é un partido inclusivo onde haxa debate interno. A min non me gustan eses partidos nos que funciona todo a dedo como pode ser o PP. Non pode ser que o secretario xeral faga o que lle da a gana.

-Os tres precandidatos a liderar o PSdeG son próximos a Pedro Sánchez. ¿Se non hai máis, quedará orfa unha parte importante do partido?

-A verdade é que asisto un pouco preocupado a todo isto porque pode acabar na división da división e precisamos xusto o contrario, un partido unido e estable cun líder con vocación de permanencia. Se nos remontamos un ano atrás, cando foron as primarias para elixir candidato á Xunta de Galicia, os tres que ata agora se presentaron para a secretaría xeral estaban todos unidos. A min preocúpame esa división da división. Eu escoitarei aos tres ou a calquera que apareza a maiores e a partir de aí mirarei a ver o que fago, pero como un militante máis.