«A Edreira sempre foi o que cada un quixo crer que fora, un lugar totémico»

mar gil OURENSE

CHANDREXA DE QUEIXA

D<span lang= gl >omínguez conta a historia da II Agrupación no Macizo Central ourensán</span>
Domínguez conta a historia da II Agrupación no Macizo Central ourensán . miguel villar< / span>

Un novo libro repasa a historia do derradeiro bastión da resistencia antifranquista nas serras ourensás

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xornalista e escritor, Pepe Domínguez (Chandrexa de Queixa, 1958), presentará este xoves na Biblioteca municipal de Verín a súa última obra, «A Edreira. El último bastión de la resistencia en Ourense (18 en el balneario)».

-¿Que é a Edreira como obra?

-É un documental escrito, un traballo de investigación publicado como tal, como relato sen novelar, nin moito menos, porque os feitos en si mesmos son un pouco unha novela. É, sobre todo, un traballo de investigación, de compilar datos, de purgar, no bo sentido da palabra, e de aclarar.

-¿E que é A Edreira como espazo físico?

-A Edreira é un lugar, nin sequera un núcleo, é un casarío, no corazón do Macizo Central, entre Montederramo e Laza, que pertence a estes dous concellos. A vida alí nos anos corenta era illada completamente, no medio da serra... Foi a zona elixida para resistir nos tempos máis duros contra o franquismo.

-¿Quen resistía alí?

-A II Agrupación, de corte comunista, último bastión da resistencia en Ourense. Cando, en 1948, a cousa se pon moi mal pola presión da Garda Civil, a principios do verán deciden replegarse á Edreira para resistir. Os 18 que están alí son os últimos da provincia de Ourense, e é certo que, coa caída de Ourense, empeza a desmoronarse todo o que quedaba en Galicia.

-¿Que etapa abrangue a súa investigación?

-Dende o momento en que os da resistencia chegan aí, a principios do verán do 48, ata o 19 de marzo do 49, que é cando A Edreira é queimada; vaise contando todo iso e introdúcese tamén o factor dos suxeitos pasivos, a familia que estaba alí que lles deu acubillo, os Galán, matrimonio e dez fillos, ségueselles a pista.

-¿Coñécese ben o seu papel?

-Ata que punto participaron é a pregunta que queda aí, non se sabe.

-¿A principal tarefa deste libro é aclarar?

-Isto aparece mencionado en distintos traballos, pero non se tiña abundado e hai moitos erros no pouco que se di. Eu, como son de Queixa, todo o mundo nos preguntabamos que foi a Edreira. E é que A Edreira sempre foi o que cada un quixo crer que fora, un lugar totémico, onde iamos e seguen indo moitos rapaces, pescadores, cazadores... pero ninguén sabía que foi realmente, por que a queimaron, quen foron os últimos que estiveran, quen eran os Galán.

-¿Que queda hoxe alí?

-Só o que queda das casas, todo esborrallado; simplemente queda unha casiña pequeniña que se chama A Capilla, e non se sabe por que tiña ese nome porque era a corte dos becerros.

-O nome de balneario aparece no título do libro como un elemento de referencia.

-O propio Camilo de Dios, que estivo alí na resistencia, dicía que, cando estaban alí, nos días de verán, dedicábanse a meterse no río Edreira e tomar as augas mentres un par deles vixiaban. Por iso o de balneario.

-¿Que nomes propios imos atopar neste relato de historia?

-Os nomes dos 18 que alí estiveron resistindo, encabezados por Saúl Mayo, que mandara o Partido Comunista; de Benigno Fraga, de Mugardos, que era o comisario político, e despois xente como Pepe Saavedra, que era de Madrid, e outra xente de menor rango na estrutura guerrilleira. Juan Sorga, de Sarreaus, era o mellor guerrilleiro, tiña coñecementos porque pasara polo exército republicano en Madrid; o resto era xente con ideas, a maioría da Limia e tamén da capital. Son nomes que varios deles eran coñecidos.

-Tamén unha muller.

-Si, Carmen Fernández Seguín, nai de Perfecto e Manolo de Dios.

-¿Que accións fixeron?

-Queimaron a reitoral de Couso de Salas e na Limia fixeron moitas accións, por Rairiz Veiga, Vilar de Santos, Sandiás... eran bastante activos e tiñan moitos enlaces e apoios.

-¿Como foi o desenlace?

-Foi moi incerto, déixanse moitos cabos abertos, non hai por que establecer conclusións sen fundamento.

-¿O máis laborioso da investigación?

-O contraste de datos, iso que o Arquivo militar de Ferrol dá moitas facilidades, pero en asuntos turbios a información da época era mínima.