«Os rapaces do rural deben ter vacacións como os da cidade»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

CHANDREXA DE QUEIXA

As actividades infantís de verán da Deputación para os nenos dos concellos pequenos teñen cada vez máis aceptación

21 ago 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O programa «Lecer no rural» cumpre este ano a súa terceira edición. Coordinado polo ourensán de 39 anos Lito Prado Rodríguez e organizado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación ourensá, nesta ocasión visitará trinta concellos dos menos poboados da provincia.

?¿Que obxectivos persegue esta actividade?

?Preténdese que, polo menos durante un día, os rapaces dos concellos con menos de 1.500 habitantes teñan actividades de tempo libre como teñen os rapaces de entorno urbano. Estas actividades son cada vez máis demandadas, sobre todo pola xente que vén pasar as vacacións. Neses concellos normalmente hai moi poucos nenos que estean todo o ano. Hai concellos con pouco máis de tres rapaces, como Chandrexa ou A Teixeira e os que veñen de Barcelona, Bilbao ou Ermua, por dicir algo, teñen alí este tipo de actividades e demándanas aquí.

?¿Que tipo de tarefas desenrolan os rapaces?

?O programa tipo, despois de recollelos pola mañá, empeza facendo xogos e obradoiros de manualidades. Despois, damos un paseo polo Concello, que pon unha persoa que nos acompaña durante todo o día e, pola tarde, imos á piscina. Alí temos xogos de auga e levamos todo tipo de elementos para pasar unha tarde divertida. Outros concellos teñen as súas propias actividades e nos piden que vaiamos só pola mañá, por exemplo. Entón facemos moitos obradoiros de manualidades e xogos para que sirvan de mostra para os responsables das súas distintas ludotecas. Case sen material pódense facer actividades baratas porque o máis importante é que o educador estea con eles, cos nenos.

?¿Ten demanda o programa?

?Este ano estamos tendo moitísimos nenos. Máis ou menos, a media é de entre 20 e 25 nenos, con casos puntuais como o de Beariz, onde houbo 40. A actividade está asentada e os concellos aprenderon a situala na época onde eles saben que hai rapaces. Sería mellor facela moitos máis días porque o importante desta actividade é poder compaxinar a vida laboral coas vacacións dos rapaces. Os rapaces do rural deben ter un período vacacional como os da cidade. Necesitan descanso e sobre todo que relacionarse con outros rapaces.