María Luísa Fernández: «Hai unha cultura do Camiño na que non interesa tanto por onde pasa»
CENLLE
A ourensá estudou os discursos sobre Santiago e a ruta en novelas editadas no último ano santo e obtivo un sobresainte cum laude na súa tese de doutoramento
25 may 2016 . Actualizado a las 21:09 h.A ourensá María Luísa Fernández (Laias, Cenlle. 1987) presentou a pasada semana a súa tese. Desde Compostela fai patria e lembra a investigadora, xa con anos de experiencia ás súas costas, que nos seus comezos tivo uns coñecidos mestres: «O exalcalde García Montero e a súa dona díronme clases no colexio de Cenlle. E o actual rexedor foi profesor meu de Educación Física».
Cos libros, audiovisuais e páxinasweb difundidas sobre o Camiño de Santiago elabora unhaampla base de datos o grupo de investigación Galabra, da Facultade de Filoloxía, nunproxecto de investigación no que traballahai varios anos. Verifica que teñen importante impacto «as viaxes do papa XoánPaulo II a Santiago en 1982 e 1989; as declaracións de Patrimonio da Humanidade do Camiño e da cidadepolaUnesco e polo Consello de Europa; e O diário de um mago, ficción de Paulo Coelho, que vendeu millóns de exemplares e foi traducida a numerosas linguas; eses son os principais macrodiscursos que funcionan», afirma a María Luísa Fernández. Hai días defendeu a tese de doutoramento Discursos sobre Santiago de Compostela y el/los Camino(s) de Santiago en la novela española actual (2010) a través de técnicas analíticas digitales: posibilidades y valor del conocimiento generado, elaborada nese grupo.
Orientaron o traballo os profesores Elias Torres e Roberto Samartim, das Universidades de Santiago e A Coruña. «No grupo estudamos produtos culturais desde o 2008. Dentro das publicacións destacan as turísticas e as narrativas de ficción. Escollín as 19 novelas editadas en castelán, e en España, en 2010, o único ano santo do período. A maioría teñen entre 200 e 600 páxinas e fixen cinco agrupamentos. As de tema histórico-relixioso e esotérico supoñen o 42 % do total, e nelas está o principal discurso sobre Santiago e o Camiño. Os outros tres agrupamentos son polo carácter paisaxístico-territorial, tendencia literaria romántico-cabaleiresca, e narrativa policíaca ou de intriga», explica.
Paisaxe, patrimonio, santuario
Comprobou que «a paisaxe aparece sempre como adversa, unha orografía difícil e un clima de chuvia e frío que fai que o peregrino sufra para ao final atinxir a felicidade logo de superar as dificultades. E o patrimonio urbanístico ten un carácter positivo, vinculado a un desenvolvemento económico para as localidades por onde pasa o Camiño».
Resalta que «nestes produtos literarios predomina tamén a medievalización de Santiago, e ideas elaboradas pola Igrexa católica, como o cristianismo como base da civilización europea. Iso ten tamén que ver coa idea de construción da comunidade europea nos anos 80, con influencia do papa Xoán Paulo II e a tendencia da Unesco á patrimonialización. E funciona moito Santiago como cidade santuario». Verifica igualmente que «varios autores que publican libros sobre o Camiño teñen recoñecemento no panorama da novela histórica contemporánea española, como Toti Martínez de Lezea, con máis dun título sobre Santiago; ou Jesús Sánchez Adalid, de quen en 2010 se reeditou El Mozárabe. Entre os autores de 2010 en castelán hai galegos; alén de dúas traducións, da alemá Ulrike Schweikert e do holandés Cees Nooteboom». Entre as conclusións do estudo están que «hai unha cultura do Camiño con ausencia de Santiago e da súa xente. Ven o Camiño como metáfora da vida, como procura dun mesmo; non interesa tanto por onde pasa, senón a propia experiencia peregrina, o proceso de camiñar. Santiago aparece sobre todo como meta, apenas se menciona que sexa cidade universitaria, capital de Galicia ou cabeza de comarca. Por iso aparece no capítulo final, ou no penúltimo se consideran tamén o regreso. E encontramos sobre todo a Catedral, o Obradoiro e proximidades, non outros espazos de interese histórico, nin os barrios novos ou o Ensanche; hai un perfil con moitos tópicos, e invisibilidade da cultura local».