O FITO ofrecerá cinco estreas e incorpora ao Liceo e a Celanova como escenarios

La Voz

CELANOVA

Presentación do FITO 2024
Presentación do FITO 2024 alejandro camba

O Festival Internacional de Teatro de Ourense ofrecerá dezaseis espectáculos entre os días 16 e 27 deste mes

10 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 16 ao 27 • Diferentes espazos de Ourense e Celanova • Entradas: de balde e entre 4 e 12 euros. Nas billeteiras e en Ataquilla.com • O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) chegará este ano cun programa que inclúe dezaseis propostas, entre as que figuran cinco estreas. Compañías de Galicia, Madrid, Cataluña, Portugal e Arxentina participarán no FITO 2024. Teatro Principal, Campus de Ourense, Liceo e Celanova —praza Maior e Auditorio Ilduara— serán os escenarios desta décimo sétima edición do proxecto creado por Sarabela, que dirixe Fina Calleja.

Culturactiva e a súa montaxe abrirán o programa con «Vía morta». O 17 chegará a primeira das estreas: será o espectáculo «Sobre o extravío ou a arte de perderse», de Furia Sotelo. A música chegará o 18, coa actuación de Mercedes Peón. Os portugueses de Teatro Só estarán o 19 en Ourense e Celanova coa súa montaxe «Sorriso».

A compañía A Feroz protagonizará a segunda das estreas. Será en Celanova onde se poderá ver a primeira das representacións de «Boulevard Papagaio». Ese mesmo domingo, día 20, tamén está Solitaria/TNC en Ourense con «Mal de corazón».

Os días 22, 23 e 24 tamén serán de estreas. Loia Producións representará «María Consolación Visitación Amadora»; coñeceranse as bolsas de creación —a convocatoria «67 Graos Ourense Fervescénica»— e A Ramboia ofrecerá no festival a primeira representación de «Un tal Romeo». Os madrileños de La Rueda traerán «Quero colapsar ao teu lado» o día 25 e, ao seguinte, os arxentinos de El Rayo Misterioso estarán con «Bos días señorita Leila».

Excéntricas clausurará o FITO 2024 co espectáculo «O auto do Castromil».

«Proxecto estratéxico»

Fina Calleja salientou a variedade escénica e o compromiso social e comunitario do mesmo. O deputado de Cultura, César Fernández, referiuse ao FITO como «un evento de referencia na axenda cultural da provincia de Ourense» e o director de Agadic, Jacobo Sutil, definiuno como «un dos proxectos estratéxicos da escena galega».