
O cómico actuará en Celanova co seu monólogo «Aquí Tou!» tras máis de tres anos de xira
12 jul 2024 . Actualizado a las 10:05 h.Xosé A. Touriñán visitará Celanova a noite de mañá co seu espectáculo «Aquí Tou!». Esta será a primeira vez do cómico, actor e presentador co seu monólogo neste municipio de Ourense. A actuación comezará ás 22.30 horas no Claustro do Convento cun prezo de 15 euros a entrada.
—¿Qué vai poder ver o público no monólogo de mañá?
— Todo o que veña ao espectáculo de Celanova vai poder ver a Touriñán contando as súas historias. En «Aquí tou!» fago un percorrido pola miña vida, dende antes de nacer ata hoxe en día. A intención é seguir sempre a liña humorística con historias que poden ser certas ou falsas, que poden pertencer a ficción ou ser reais. O público será o responsable de descubrir os diferentes elementos, pero por suposto en clave de comedia. Prometo moitísimas risas.
—¿Cal é a clave para facer rir a toda a xente?
—Eu intento primeiro de todo contar cousas que a min me fan graza, que creo que se contaxian. Ao final todos vivimos situacións semellantes na nosa vida. Despois intento contar aspectos ou historias que nos poden pasar a calquera e onde podemos vernos representados, tanto xente máis maior como persoas novas. Eu neste caso falo sobre min, entón creo que tamén e máis fácil como público rirse do que lle pasa a outro. Prefiro rirme comigo e das miñas cousas e que o público se sume a esa risa. Desde a miña opinión hai que ser moi sinceros para facer comedia, é preciso que o que se conta sexa de verdade. No espectáculo «Aquí tou!» hai moita emotividade. Tamén hai que sacarlle punta e contar cousas escabrosas, que ao mellor nos avergonzaría contar diante doutras persoas. Creo que non hai unha fórmula específica para facer rir. Realizar comedia é unha mestura de moitas cousas.
—¿Para vostede que supón actuar en Ourense?
—Non son un cómico que saia a traballar no resto de España, xa que traballo na miña lingua. Estar en Ourense e en Celanova sempre é un gusto, sobre todo polo trato que recibo por parte da xente.
—¿Que lle diría á xente que vai a estar mañá no Claustro?
—Diríalle que imos gozar dunha noite de risas marabillosas. Ademais, esperemos que o clima estea do noso lado durante o bolo. Quen queira pasalo ben ten unha cita a noite do sábado.