Toda a provincia de Ourense celebra as Letras Galegas

La Voz

CELANOVA

Raigame homenaxea aos canteiros
Raigame homenaxea aos canteiros Santi M. Amil

Vilanova dos Infantes celebra o 17 de Maio coa mellor romaría etnográfica de Galicia

16 may 2023 . Actualizado a las 20:08 h.

As citas para celebrar o Día das Letras Galegas multiplícanse pola provincia. Estas son algunhas das propostas para este 17 de maio.

Cita no Burgo medieval de Vilanova dos Infantes

Celanova acolle un ano máis a romaría etnográfica Raigame, unha iniciativa que naceu para celebrar o 17 de Maio dun xeito diferente e que cada ano vai superando participación, propostas e asistencia de público. Sempre co traballo artesán e a cultura popular como referencias. Desta volta haberá 107 postos, preto de corenta actividades e a homenaxe sectorial deste 2023 será para os canteiros. Vinte anos cumpre a actividade organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Deputación de Ourense e Concello de Celanova e a convocatoria conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

A que está considerada a mellor romaría etnográfica de Galicia concede dende hai anos o Premio Adolfo Enríquez, que nesta edición recoñece o traballo e a traxectoria profesional do escultor Xosé Cid.

Do cine á Adega San Vivián

Oficios e artesáns como xoieiros, vidreiros, talleres de música tradicional, teares, fotógrafos, carpinteiros e zapateiros —entre moitos outros— ambientarán as rúas de Vilanova dos Infantes nesta xornada. No burgo medieval haberá grupos de música, baile e teatro, concurso de fotografías, micro vídeos e un certame de decoración das vivendas do lugar. Entre as actividades previstas figuran demostracións de artesáns, gastronomía, contacontos, monicreques, os danzantes da Virxe do Cristal e a actuación da Banda de música de Vilanova. Funcionará, un ano máis, o Cine Carlos Velo —onde se proxectarán documentais— e poderase visitar o Centro de Interpretación dos Zapateiros na Adega de San Vivián.

A oferta gastronómica de Raigame estará ubicada nos Campos da Igrexa.

Citas para o creador da festa da cultura galega

O creador das Letras Galegas deixou unha profunda pegada na provincia, aínda que na súa querencia por non ser o protagonista optaba por ficar nun segundo plano. Citas como as Letras Galegas de 1985, dedicadas a Losada Diéguez, ou a Feira do Viño do Ribeiro de 1995 —na que deu o pregón lembrando a Cunqueiro e nesa mesma xornada fíxose a descuberta da placa que daba nome á rúa do de Mondoñedo— foron citas nas que participou. Como nos actos en memoria de Eladio Rodríguez en San Clodio (Leiro) ou a presentación da súa obra «Ourense sentimental» na cidade. A provincia lémbrao e entre outras actividades están organizadas as seguintes:

Casares en ucraíno

12.00 horas • Xinzo • Na praza Maior entréganse os premios do concurso de narrativa infantil e xuvenil que levan o nome de Carlos Casares. Tamén se presentará a nova edición en ucraíno da súa obra «A galiña azul».

Contacontos e cine

11.30 horas • O Barco • Pola mañá, maratón de lectura na praza. Ás seis, no teatro Lauro Olmo, contacontos; e ás oito e media, proxección de «Matria».

Concerto de María do Ceo

19.00 hora • A Rúa • A fadista María do Ceo ofrece un concerto no centro cultural Avenida. A entrada é de balde.

Feira da aldea de Florencio

11.00 hora • Córgomo (Vilamartín) • A asociación de mulleres rurais organiza unha unha feira de artesanía na aldea que o ano pasado foi a protagonista do 17M.

Os responsables de Miño co material filatélico dedicado a Fernández del Riego
Os responsables de Miño co material filatélico dedicado a Fernández del Riego MIGUEL VILLAR

A Sociedade Miño edita material filatélico sobre o protagonista do 17 de Maio

A Sociedade Filatélica Miño cumpriu coa tradición e onte abriu ao público a súa mostra sobre os persoeiros aos que se lle teñen dedicado as Letras Galegas. A Miño contribúe cada ano a darlle valor engadido ao 17 de Maio e no acto do Liceo presentou o selo, a tarxeta e o sobre de Francisco Fernández del Riego.