Homenaxe ós canteiros e a Xosé Cid en Raigame

CELANOVA

Xulio Fernández, Pablo Pérez, Antonio Puga e Xavier Álvarez presentaron a Romaría Raigame
Xulio Fernández, Pablo Pérez, Antonio Puga e Xavier Álvarez presentaron a Romaría Raigame MIGUEL VILLAR

Vilanova dos Infantes converterase un ano máis no centro da celebración do Día das Letras na provincia

11 may 2023 . Actualizado a las 23:54 h.

Vilanova dos Infantes, en Celanova, prepárase un ano máis para ser o centro das actividades do Día das Letras en Ourense. A Romaría Raigame, que este ano protagonizarán os canteiros, contará con preto de 140 actividades entre talleres, exposicións, concertos e actuacións teatrais. Haberá 104 postos, tanto de artesanía como gastronómicos para que os visitantes gocen da festa durante todo o día. A edición número vinte servirá, ademais, para homenaxear ó escultor Xosé Cid que recibirá o premio Don Adolfo pola súa contribución á cultura popular e por ter iniciada a súa andaina profesional como canteiro.

O programa da romaría foi presentado polo deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; e o director e subdirector da revista «Raigame» e membros do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Xulio Fernández e Xavier Álvarez.

En Vilanova veranse oficios como os dos xoieiros, vidreiros, carpinteiros ou zapateiros. O programa complétase cos concursos de fotografías e microvídeos. Como novidade haberá un certame de decoración das vivendas de Vilanova dos Infantes. O obxectivo é premiar a dispoñibilidade dos veciños da vila, que durante esa xornada abren as súas casas. Os actos terán lugar entre as once de mañá e as sete da tarde e haberá un autobús que permitirá que os participantes poidan desprazarse durante o día entre Celanova e Vilanova. Habilitarase, como todos os anos, un gran aparcamento nas proximidades da romaría.

Ademais, nas instalacións da casa consistorial haberá unha exposición de réplicas en miniatura dos traballos en pedra máis representativos do municipio.

Pablo Fernández e Antonio Puga coincidiron ó destacar a importancia das colaboracións entre administracións para poder organizar citas como a de Raigame. «É a romaría etnográfica máis importante de Galicia e un piar fundamental da celebración das Letras Galegas; unha reivindicación cultural que é central na acción de goberno da deputación», dixo Pérez.

Na rolda de prensa presentouse o número 49 da revista «Raigame», adicada a Elixio Rivas, medalla de ouro da provincia de Ourense falecido en 2022. «Un legado inmenso, con medio centenar de libros e numerosas colaboracións», resaltou Xulio Fernández, que reivindicou a figura de Rivas.