Investigadores en micoloxía de toda Galicia visitan Celanova

La Voz OURENSE

CELANOVA

O Grupo Micolóxico Galego «Luis Freire», en Celanova.
O Grupo Micolóxico Galego «Luis Freire», en Celanova. CEDIDA

O grupo «Luis Freire», GMG, fixo un recorrido pola zona guiado por Alejandro Mínguez

16 may 2022 . Actualizado a las 08:21 h.

O Grupo Micolóxico Galego «Luis Freire», GMG, integrado por divulgadores e investigadores en materia de cogomelos de toda Galicia, visitou este domingo 15 de maio a localidade de Celanova para estudar diversos hábitats e coñecer o proxecto micolóxico celanovés. Un lugar de referencia neste capítulo por acoller actividades micolóxicas formais dende o ano 1983 e contar con diversas iniciativas privadas relacionadas cos cogomelos, como unha explotación de cultivo, hoxe pechada, e a sala micolóxica e museo de cogomelos Plan C entre outras.

Os 27 participantes concentráronse no punto de encontro en Vilanova dos Infantes e tiveron ocasión de coñecer a vila medieval, preparada para celebrar Raigame no Día das Letras Galegas. Iniciaron ruta en Carfaxiño e percorreron parte do Camiño natural do interior de San Rosendo. Realizaron varios quilómetros «por distintos hábitats moi ricos en cogomelos no outono pero menos nestas datas de calor, aínda que se recolleron e documentaron algunhas especies como a Amanita beillei» explica o celanovés e membro do GMG, Alejandro Mínguez. «Cogomelos hainos todo o ano», aínda que en maior cantidade e de maior calidade gastronómica no outono e na primavera se hai humidade. Na actualidade a escaseza de cogomelos tamén se debe as poucas chuvias rexistradas nos últimos meses.

Este tipo de saídas realízanse ao longo de todo o ano por parte deste grupo de científicos e divulgadores para estudar e compartir cuestións relacionadas coa micoloxía e poñer en valor a riqueza natural de Galicia. Defenden o respecto e conservación do medio natural e a necesidade imprescindible de formación e precaución no intre de achegarse á micoloxía. Entre os participantes estaban membros do Comité Científico de Voz Natura, coma Marisa Castro ou Antonio Prunell. Marisa Castro, presidenta de honra do GMG, foi nomeada este ano bióloga do ano polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. Tamén participaron no encontro de Celanova, micológos procedentes do norte de Portugal.

O remate da ruta foi na Área recreativa de Pontegrande, na beira do río Arnoia, onde tivo lugar a tradicional comida de campo. Pola tarde, visitaron a Sala Micolóxica de Celanova, Plan C, con degustación de sobremesa micolóxica como roscón de Boletus edulis ou licores de Lepista nuda. O promotor deste espazo único de carácter privado que recibe visitas ao longo de todo o ano, Alejandro Mínguez, ensinou os distintos ambientes da sala museo. Con motivo da visita, confeccionouse un logotipo exclusivo con referencia alternativa a cores ao Cratherellus tubaeformis, obra de Ricardo e Alicia Mínguez, para facer un pin recordatorio que se unirá aos xa existentes na parte museística do proxecto celanovés.

Finalmente fixeron unha visita a Celanova e o seu mosteiro e asistiron a un concerto de órgano no Coro Alto do cenobio.