Celanova sopra 170 velas para Curros Enríquez

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

La bisnieta de Curros Enríquez ante el retrato del escritor en la Casa dos Poetas
La bisnieta de Curros Enríquez ante el retrato del escritor en la Casa dos Poetas MIGUEL VILLAR

O xornalista e escritor naceu o 15 de setembro de 1851

15 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Celanova estivo de festa na pasada fin de semana, e hoxe mesmo seguen as celebracións cunha romaría que ten un espazo de seu na historia da literatura galega. Tal día coma hoxe, de 1851, nacía na vila de San Rosendo unha das figuras senlleiras de Galicia: Manuel Curros Enríquez.

Os 170 anos do autor de Aires d’a miña terra foron lembrados cun programa que ofreceu toda unha serie de actividades: dende obradoiros artísticos a cargo de Baldomero Moreiras á cita central do proyecto -a velada musical no claustro barroco do mosteiro de Celanova-, pasando pola animación de rúa ou a conferencia do poeta e profesor Baldo Ramos.

Manuel Curros Enríquez (Celanova , 1851 - A Habana, 1908) foi un dos autores de referencia da literatura galega, e cita recorrente á hora de falar da corrente coñecida como o Rexurdimento.

Un poema, A Virxe do Cristal, foi o que o trouxo de novo á terra cando andaba por Madrid a colaborar nos xornais e a tentar facer realidade o seu desexo de desenvolver unha carreira literaria. Tres anos despois, en 1880, Curros padece o grave episodio que marcou unha parte importante da súa vida: publica Aires d’a miña terra e o bispo de Ourense, Cesáreo Rodrigo Rodríguez, denuncia ao escritor por herexías e ataques á relixión. Aínda que sae con ben do proceso, a primeira condena de Ourense -máis de dous anos de prisión- queda anulada ao absolvelo o tribunal de A Coruña.

Hai uns días, o 8 de setembro, outra peza de Curros era lembrada no Consello da Cultura Galega -a que lle dedicou á chegada do tren a Ourense- nunha xornada centrada no patrimonio industrial vencellado ao ferrocarril.

A última etapa da vida do autor de obras como O divino sainete comeza en 1894, cando emigra a Cuba. Na Habana segue a desenvolver o seu traballo como xornalista e escritor.

O poeta de Galicia

Logo da súa morte en América, os restos de Curros foron embarcados para Galicia, converténdose o seu enterro na Coruña nunha data histórica ao botarse os galegos á rúa para acompañar ao poeta. A súa casa natal en Celanova é a sede da súa fundación.