Celanova festexará en setembro o 170 aniversario do nacemento de Curros

La Voz OURENSE

CELANOVA

O padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse en Celanova
O padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse en Celanova CEDIDA

O Padroado da fundación que leva o nome do autor aprobou a súa programación para este ano

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 2021 celébrase o 170 aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez, unha data que a fundación que leva o seu nome quere poñer en valor cunha serie de actividades. Será no mes de setembro cando se leve a cabo a segunda semana de fotografía analóxica, que incluirá un concurso, un obradoiro, un foro de xornalismo e unha exposición. A temática desta edición xirará arredor do poema Na chegada a Ourensa da primeira locomotora, coincidindo ademais que ese é o Ano Europeo do Ferrocarril e que está prevista a chegada do AVE a Ourense. Tamén se terá en conta a celebración do 700 aniversario da publicación de A divina comedia de Dante, en relación con O divino sainete de Manuel Curros, para promover a realización dun ciclo de cine sobre os sete pecados capitais.

Así se acordou na reunión do padroado da Fundación Curros Enríquez celebrada na Horta da Palabra da Casa dos Poetas do Celanova. Ao encontro acudiron tamén representantes da Consellería de Cultura, da Deputación, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Vigo e do Concello de Celanova para, ademais, de aprobar as actividades e contas de 2020, debater o programa de actividades que se desenvolverá durante 2021, aprobar o orzamento anual e renovar o compromiso institucional de colaboración na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova.

Tamén se adoptou a decisión de continuar no apoio da xestión turística de Celanova coa atención anual da Casa dos Poetas e dos espazos museísticos de Vilanova dos Infantes, a continuación na promoción de distintos paquetes turísticos adaptados agora a formatos de pequenos grupos como será o roteiro Celanova; pedra e poesía, así como a oferta de actividades culturais de atractivo literarias e musicais en colaboración co Concello de Celanova, a parroquia de San Rosendo, a Banda de Música de Celanova e as asociacións a ela ligadas e outras.