Ourense: A fundación do galeguismo en Celanova
Presentan a acta da creación da Mocidade Galeguista da vila en 1932
ourense / la voz
O recentemente constituído Comité da Memoria Histórica de Celanova vén de anunciar o achado do documento fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova, unha agrupación que se creou xa no verán de 1932; o documento é inédito, segundo varios estudosos do galeguismo galego consultados polo Comité.
A Mocedade Galeguista de Celanova -da que formaron parte activos intelectuais como Pepe Velo e Celso Emilio Ferreiro- destacou pola súa capacidade organizativa e de convocatoria. Hai 85 anos, o 13 de outubro de 1935, celebraban unha concentración comarcal da Federación de Mocedades Galeguistas, un mitin que chegou a ser multitudinario. Tivo lugar no céntrico teatro Curros Enríquez, decorado con bandeiras galegas, e nel falaron Celso Emilio Ferreiro, Xosé Nogueiras, Vicente Bóveda, Xaime Illa Couto e Francisco F. del Riego. Este tipo de concentracións de zona eran actos de reafirmación ideolóxica ou de propaganda para a Federación de Mocedades Galeguistas (FGM), segundo o historiador Justo Beramendi, presidente do padroado do Museo do Pobo Galego.
Aquel acto, no que chegaron a xuntar catro mil persoas, segundo os propios organizadores, foi unha demostración de forza da directiva da FGM da que fora nomeada en abril e que estaba presidida por Pepe Velo, con Celso Emilio Ferreiro como secretario. Con motivo do aniversario deste acto, o Comité de Memoria Histórica de Celanova vén de recordar a súa celebración e de dar a coñecer o documento da fundación das Mocedades Galeguistas de Celanova. Ese arquivo permite datar a constitución da agrupación celanovesa o 17 de xullo de 1932 e coñecer que a súa sede estaba no número 17 da rúa Curros Enríquez da vila. Figuraban Xosé Velo como presidente e Celso Emilio, como vicepresidente. Ademais engádense nomes de fundadores descoñecidos, pois aparecen como secretario Alfonso Álvarez e como tesoureiro Emilio A. Torres, cuxa vinculación coa Mocidade Galeguista de Celanova non se coñecía ata o de agora, segundo os historiadores. A través de fontes indirectas, como notas recollidas no xornal A nosa terra, sabíase da composición de directivas posteriores, ata once persoas segundo a lista facilitada por Justo Beramendi ao Comité; a acta da constitución aporta, daquela, xa datos novos. De acordo tamén con Beramendi, o documento «en póliza de papel oficial é moi posible que sexa copia da documentación que presentaron ás autoridades co gallo da constitución oficial da Mocedade Galeguista de Celanova». O expediente completo pode que estea, segundo o Comité, nalgún arquivo provincial.
A Mocedade Galeguista de Celanova destacou por ser unha das agrupacións comarcais máis numerosas en canto a afiliados, con medio centenar de membros e unha sección infantil doutros corenta compoñentes, datos que poden non ser de todo exactos, asume o Comité. Mesmo tivo unha agrupación autónoma na aldea celanovesa de Mourillós ou en Escudeiros (Ramirás).
Segundo o sociólogo e politólogo Argimiro Rojo, autor de As mocidades galeguistas, a agrupación de Celanova tiña unha «sincera e permanente solidariedade cos campesiños» e estaba sempre «disposta á acción e ao práctico, nun desexo de obter resultados a curto prazo». Segundo recolle o Comité da Memoria Histórica, os galeguistas de Celanova participaron vivamente na vida cultural local durante a Segunda República, en homenaxes a Curros e Manuel Lezón e na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Deixaron pegada na fachada da igrexa de Celanova, cunha pintada coa palabra «Adiante», que anunciaba a publicación do semanario do mesmo nome, do que só se imprimiría un número, en xaneiro de 1933.
O documento fundacional das Mocedades Galeguistas de Celanova atopouse na casa familiar de Odilo Pérez Fernández, mestre amigo con Pepe Velo, e recentemente lle foi entregado ao Comité da Memoria Histórica de Celanova. Recolle os estatutos do grupo, seguindo o modelo establecido polo Partido Galeguista, e manifesta que entre os seus fins estaba traballar a prol dun «régimen autónomo en Galicia» (o texto estaba redactado en castelán para poder ser rexistrado).
Sinaturas e datas novidosas.
A acta que vén de darse a coñecer permite saber que a Mocedade Galeguista de Celanova se constituíu formalmente en xullo de 1932. Tamén aparecen sinaturas de membros da agrupación dos que ignoraba a súa vinculación.
Pablo Sánchez: «Foron un referente para o resto de agrupacións»
O historiador ourensán Pablo Sánchez Martínez salienta que o Comité da Memoria Histórica de Celanova consultou con varios autores especializados na historia do galeguismo como Ramón Nicolás, Xavier Castro, Justo Beramendi ou Argimiro Rojo para comprobar que o documento era inédito. «O nacemento das Mocedades de Celanova datábase moito despois, en setembro ou outubro do 1932. Suponse que naceron antes mesmo que esa data de xullo; foron das primeiras en fundarse, antes que as de Vigo. Foron un referente para o resto das agrupacións e se lles consideraba o centro neurálxico das Mocedades», indica o historiador.
Co golpe do 1936, disolvéronse como agrupación. Sánchez relata unha anécdota sobre Pepe Velo: o enfrontamento que tivo co comandante da Gardia Civil en Celanova, que o abofeteu cando non lle quixo entregar a documentación sobre a grupo.
Para poder seguir a súa traxectoria posterior dos afiliados, faltaría coñecer as actas da agrupación para coñecer como se organizaban internamente e por se hai outros nomes a través dos que seguir indagando na historia do galeguismo. «Están estudados historiograficamente, pero son bastante descoñecidos para o público, e necesitan ser postos en valor e reivindicados», considera Sánchez.
A agrupación de mozos galeguistas de Celanova naceu impulsada pola de Ourense, cidade que durante a Segunda República tiña un salientable dinamismo galeguista, indicou o historiador ourensán. As tres asambleas da Federación de Mocedades Galeguistas foron en Ourense. Velo e Celso Emilio fixéranse cargo en abril de 1935 da súa dirección cunha «corrente moi ben definida, máis belixerante e separatista», especifica Sánchez.
Comentarios