Celanova recoñece o legado artístico do escultor Xosé Cid

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

O artista recibiu o premio Casa dos Poetas nun acto celebrado no claustro barroco da vila

07 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila de Celanova viviu este domingo unha xornada de festa e de lembranza aos seus escritores. Aínda que as restricións impostas pola pandemia do coronavirus motivaron una atípica celebración, a entrega do premio Celanova, Casa dos Poetas congregou no claustro barroco do mosteiro e no Concello a numerosos persoeiros vinculados ao mundo da cultura, así como representantes de diversas institucións políticas.

O protagonista da xornada foi nesta ocasión o escultor Xosé Cid, que este ano recibiu o premio «pola súa longa traxectoria como intérprete das formas e dos feitos da Galicia tradicional máis auténtica a través da súa obra escultórica, herdeira do legado intemporal dos vellos artesáns da pedra e da madeira, pero sendo quen de detraer daquelas formas os volumes innecesarios para transformalas en verdadeiras obras de arte», segundo se recolle na acta da Fundación Curros Enríquez, que organiza o acto.

Como é habitual o evento comezou cunha ofrenda floral diante do monumento a Celso Emilio Ferreiro, para dar paso despois á entrega do premio, que nesta ocasión celebrouse no claustro barroco, en lugar da Casa dos Poetas como viña sendo habitual, por tratarse dun lugar aberto, no que se podían garantir as distancias de seguridade necesarias que marcan os protocolos sanitarios.

O encargado de loar a figura do premiado foi José Antonio Ocaña, que destacou a evolución permanente do escultor ao longo da súa traxectoria profesional. Recordou que Xosé Cid comezou no mundo da escultura como autodidacta, sen esquecer que hoxe en día é un dos artistas que máis obra pública ten en Galicia.

O escultor mostrouse emocionado por ser merecedor do premio, e recibiu unha medalla de prata feita por outro artista ourensán que tamén recibiu hai anos o premio Casa dos Poetas, Acisclo Manzano. O encargado de pechar o evento foi o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, quen lembrou a necesidade de seguir organizando actos culturais a pesar da situación sanitaria actual motivada polo coronavirus. Tamén interviñeron o Director Xeral de Políticas culturais, Anxo Lorenzo, e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.