A homenaxe de Celanova a Xosé Cid

La Voz

CELANOVA

Álvaro Vaquero

O escultor ourensán recibe esta mañá o premio «Celanova, casa dos poetas», no claustro barroco, pola súa traxectoria artística

06 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Celanova celebra este domingo unha atípica entrega do premio «Celanova, Casa dos Poetas», coas medidas impostas pola pandemia do coronavirus, pero co mesmo espírito de pór en valor o traballo dos artistas da terra. Nesta ocasión premiarase a traxectoria do escultor Xosé Cid. Os actos programados comezarán cunha recepción na Casa do Concello e seguidamente, sobre as 11.30 horas, a ofrenda floral e unha lembranza de Celso Emilio diante do seu monumento con motivo do seu 41 cabodano.

Trala intervención de Xabier Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, terá lugar a colocación dun centro fronte o busto do poeta e interpretarase o Himno Antergo polo grupo de gaitas O gaiteiro de Penalta. Unha vez rematada a homenaxe, os asistentes trasladaranse ó claustro barroco onde arredor das 12.00 horas se realizará a entrega do premio. O condutor da cerimonia será José María Paz Gago, patrón da Fundación Curros Enríquez, que dará paso á apertura do acto por parte Antonio Puga Rodríguez, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez; e á lectura da concesión do premio por parte do secretario desta fundación, Antonio Piñeiro. Xosé Cid recibirá unha medalla de prata coa imaxe da fachada da Casa e as letras «C» (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor, de Castor Elices) da autoría de Acisclo Manzano; e un gravado realizado por Baldo Ramos. Despois de asinar no libro de honra da Fundación, será o momento da intervención coa palabras de gabanza sobre o premiado a cargo de José Antonio Ocaña. Tamén intervirán outras autoridades invitadas ao acto. O acompañamento musical correrá a cargo do Quinteto de vento da Banda de Música de Celanova.

Na acta do premio, a Fundación Curros Enríquez sinalou que a elección de Xosé Cid, ademais de cumprir con tódolos méritos artísticos, «falan dun escultor universal con fondas raíces na súa Galicia que conta tamén cunha lectura local, como é a súa querenza pola figura de Rosendo Guterres (San Rosendo), o fundador de Celanova», explican. Ademais, sinalan que grazas a súa fecunda relación artística e persoal con Ángel Martínez (Anxo), ao longo dos anos oitenta e noventa do pasado século contribuíu á divulgación da súa figura histórica coa realización de varios monumentos pola provincia.