O escultor Xose Cid, premio Celanova, Casa dos Poetas

La Voz

CELANOVA

cedida

A Fundación Curros Enríquez destaca a súa condición de creador case autodidacta formado a carón do impulso cultural da factoría intelectual dos Artistiñas de Vicente Risco

18 jul 2020 . Actualizado a las 18:26 h.

O padroado da Fundación Curros Enríquez deciduu conceder o premio Celanova, Casa dos Poetas de iste 2020 ó escultor Xosé Cid, pola súa longa traxectoria como «intérprete das formas e dos feitos da Galicia tradicional máis auténtica a través da súa obra escultórica, herdeira do legado intemporal dos vellos artesáns da pedra e da madeira, pero sendo quen de detraer daquelas formas os volumes innecesarios para transformalas en auténticas obras de arte».

 Sinalan que dende a súa condición de creador case autodidacta formado a carón do impulso cultural da factoría intelectual dos Artistiñas de Vicente Risco, nos anos sesenta, que o conectan directamente coa Xeración Nós (d o traballo de Xosé Cid ten evolucionado dun xeito pausado, reflexionado e a lume lento, como é el, dende aquelas primeiras obras nacidas de mans aprendices de artesán, ata estoutras nas que a iniciática robusteza que bebe das obras de Antón Failde, muda nunha elegancia singular e nunha pureza formal, sexa ou non antropomórfica, que o definen como un artista con personalidade propia no contexto da pléiade de artistas plásticos da súa e de posteriores xeracións da escultura ourensá. Por todo elo, o  Padroado sinala sentirse moi satisfeito porque Xosé Cid pase a formar parte do prestixioso cadro de patróns de honra da Fundación Curros Enríquez o próximo día 6 de setembro, no transcurso do acto de entrega que, como tódolos anos, terá lugar na Casa dos Poetas de Celanova, nunha xornada que tamén servirá para lembrar novamente a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 41 cabodano da súa morte. No transcurso deste acto, o presidente da Fundación faralle entrega da medalla de prata conmemorativa do galardón, obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, na que se fai unha simbólica alegoría ós tres grandes poetas de Celanova; ademais dun diploma, obra do pintor e poeta celanovés Baldo Ramos, que recollerá un fragmento desta acta.