«A xente de Celanova atoparase cun espectáculo inesquecible»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

SANDRA ALONSO

As pandeireteiras chegan co seu novo disco e cunha montaxe «máis teatralizada»

04 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 5 • 20.30 horas • Auditorio Ilduara • Entradas: www.tanxugueiras.com ou www.enterticket.es • Andan de estrea as pandeireteiras de Tanxugueiras. Hai só uns días que presentaban o seu novo traballo, «Contrapunto», e logo de arrancar a xira co mesmo en Mos xa estiveron esta fin de semana no Culturgal e xa teñen citas pechadas en Burela e Compostela. Este xoves pasarán por Celanova. Tanxugueiras son Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro. E desta volta están acompañadas de Isaac Palacín ás percusións.

 

-Contentas co resultado?

-Contentísimas. A verdade é que o traballo quedou moito mellor do que esperabamos, e a acollida que estamos tendo é espectacular.

-Reivindicativas sempre?

-É o seu. Somos mulleres que nacemos reivindicativas; e, como mulleres, é moi importante marcar moi ben o noso sitio. Cada vez máis.

-Na presentación de «Contrapunto» lembrouse a necesidade de manter vivo o legado histórico.

-Nós levamos tempo pelexando para que a nosa tradición non morra, e vemos como nos seguen rapazas e rapaces de 15 ou 16 anos. Iso é fundamental, coma unha luz, porque o galego está desaparecendo e a tradición é unha maneira para pular por el e conservalo ao mesmo tempo que o noso legado musical e cultural.

-Os temas do novo disco serán os que soarán?

-Eses e moitos máis. A parte principal do mesmo serán as pezas de «Contrapunto», mais tamén arranxamos temas do noso primeiro disco para este proxecto. A xente de Celanova atoparase cun espectáculo inesquecible, porque como non xiramos con banda está todo moi teatralizado. Será unha sorpresa.