Celanova recoñece o potencial do sector audiovisual de Galicia

m. v. OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

MIGUEL VILLAR

A actriz Isabel Blanco recibiu o premio Casa dos Poetas lembrando á emigración

09 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo foi un día de lembranzas en Celanova. A entrega do premio Casa dos Poetas a actriz Isabel Blanco converteuse nun acto de homenaxe á emigración galega, pero tamén foi un día de recoñecementos. O principal para o sector audiovisual galego, representado por unha intérprete que «abriu novos camiños» e «soubo mostrar os valores da muller galega».

Con estas palabras describiu Antonio Puga, alcalde da vila e presidente da Fundación Curros Enríquez, que entrega este premio desde hai 35 anos, á galardoada nesta ocasión. «Fun un fiel seguidor de Mareas vivas, a serie na que Isabel deuse a coñecer como unha magnífica actriz», dixo o rexedor, destacando que «o sector audiovisual galego ten un gran potencial, e soubo demostralo».

Recordou Puga que actrices como Isabel Blanco «fan que Galicia teña hoxe nome propio no cine» e destacou o papel que fixo non só na coñecida serie televisiva, senón tamén en películas como Un franco, catorce pesetas, que retrata a emigración. «Isabel, pasas a formar parte dun colectivo que leva consigo a responsabilidade de divulgar o pobo de Celanova», asegurou Puga, quen destacou o papel como difusor da cultura que fai a fundación Curros Enríquez e o compromiso que teñen con ela todos os veciños da vila.

Antonio Piñeiro, secretario da entidade, valorou o «compromiso vital» de Blanco con Galicia, a través do seu traballo no cine e na televisión. «O padroado séntese moi satisfeito», dixo.

O presidente do Parlamento pon en valor a riqueza de ser «comunidade bilingüe»

Como cada ano a principios de setembro, Celanova lembrou aos seus ilustres escritores. Os actos programados para a edición número 35 da entrega do premio comezaron cunha recepción na Casa do Concello a actriz premiada, un momento no que participaron, entre outros, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo. Non quixeron tampouco perderse este acto persoeiros vinculados ao mundo da cultura como Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, ou o escultor Acisclo Manzano, creador da medalla coa imaxe da fachada da casa e as letras C (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor, de Castor Elices) que se entrega aos galardoados co premio.

Os participantes renderon a tradicional ofrenda floral diante do busto de Curros Enríquez, do que tamén se fixo tamén unha semblanza, con motivo do seu 40 cabodano. O grupo de gaitas do Concello de Celanova foi o encargado de poñer a nota musical, interpretando o Himno Antergo.

Xa na horta da Casa dos Poetas, o encargado de conducir o acto foi Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Bermella e patrón da Fundación Curros Enríquez. A clausura correu a cargo do presidente do Parlamento, que describiu a Blanco como «galega de ben» e tamén de «modelo para as xeracións máis novas, que deberían ser conscientes da riqueza que supón o feito de sermos unha comunidade bilingüe; que podemos falar galego e castelán, porque nos abre portas, e tamén aprender outras linguas, cantas máis mellor».

«O meu papel en ‘Mareas vivas’ foi unha homenaxe a todas as mulleres galegas»

A intervención da protagonista do día estivo chea de emoción. Primeiro polo recordo que lle fixo Isabel Blanco ao seu pai que, segundo dixo, «deixoume vinculeira do amor pola nosa xente» e logo polas referencias a súa etapa en Suiza, país ao que emigrou a súa familia e no que ela mesma naceu. «Coñecín a Rosalía de Castro a través da música de Ana Kiro, que era a deusa do gueto, porque no mundo da diáspora a cultura non tiña cabida», lembrou a actriz, que constatou que «a emigración foi o leiv motiv da película da miña vida». Explicou que o seu papel en Mareas vivas, na que interpretaba a María, «foi una homenaxe a miña nai e tamén a todas as mulleres galegas» e recordou que grazas a aquel serial «o noso galego era cool, estaba de moda».

«A historia de Galicia defínenos como pobo, os galegos somos todos irmáns e temos algo en común», dixo Blanco, que pechou a súa intervención cunha promesa: «Saberei defender Celanova dende o corazón onde queira que eu vaia».

Na xornada tamén tivo un papel protagonista Miguel Anxo Fernández, director artístico do Ourense Film Festival, OUFF, que fixo unha semblanza da premiada. «É unha muller activa e comprometida cos seus compañeiros, que se esforza por manter a dignidade dos actores e actrices», dixo. «Sentímonos en débeda contigo», asegurou Fernández, quen tamén recordou que hai anos a fundación entregoulle o premio a Luis Tosar, que facía o papel de Andrés na coñecida serie. «Hoxe péchase un ciclo».