Ourense optará a declaración de «Territorio Creativo da Unesco»

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Miguel Villar

A Deputación anunciou a candidatura na xuntanza da Asociación de Casas Museo

18 oct 2018 . Actualizado a las 16:10 h.

Ourense acolle nestes días o vixésimo quinto encontro da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores (Acamfe). A primeira xornada das actividades tivo como escenario o Liceo o e no marco da xuntanza anunciouse a presentación da candidatura para que Ourense opte a ser Cidade Creativa da Unesco no 2019, un circunstancia -de conseguirse a declaración- que axudaría ademais a potenciar os actos da celebración do centenario da revista Nós, a realizar no ano 2020.

O encontro de Acamfe desenvolverase ata mañá e espazos como Celanova, Trasalba, Ourense e a Insua dos Poetas (O Carballiño) serán algúns dos lugares que acollerán actividades do programa. Na sesión do Liceo o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e Jordi Tresserras, profesora da Universidade de Barcelona e vicepresidente de Icomos España, presentaron a proposta que o organismo provincial trasladará á Unesco.

O obxectivo da iniciativa é aproveitar o potencial que Ourense ten como espazo de creación e literario -ademais do patrimonial, termal e natural, entre outros- para formar parte das cidades creativas que xa están recoñecidas como tales no mundo. No caso español só existen dúas urbes con ese recoñecemento, Granada e Barcelona, e na presentación da iniciativa Tressserras adiantou que Montevideo -que conta con esa distinción- xa fixo público o seu apoio pola relación da mesma coa emigración e os intelectuais galegos.

Baltar Blanco incidiu na necesidade de aproveitar a literatura e a creación en xeral -nunha provincia cun amplo legado neste terreo e con premios como o Blanco Amor, Pura e Dora Vázquez, Xosé Aurelio Carracedo, o Rodolfo Prada de xestión cultural e outros- como un dos eixes de promoción de cara ao turismo e Tresserras sinalou que a consulta trasladada ao Ministerio de Cultura foi ben acollida.

Segundo o consultor, a proposta será presentada en marzo do vindeiro ano e a designación deberá estar resolta no horizonte de novembro do 2019.

O presidente da Deputación salientou o feito de que se Ourense consigue posicionarse como Cidade Creativa da Unesco, esta circunstancia servirá para darlle un maior pulo á celebración dos actos do centenario da revista Nós. A data coincide con outubro do 2020 mais as actividades conmemorativas xa comezarán en xaneiro dese ano.

Un total de dez entidades adicadas a escritores galegos estiveron representadas nas xornadas: Losada Diéguez, Vicente Risco, Blanco Amor, Uxío Novoneyra, Neira Vilas, Rosalía de Castro, Castelao, Camilo José Cela, Manuel Antonio, entre outras. No encontro participan 25 casas museo e fundacións de toda a península.