O Parlamento de Galicia reivindícase en Celanova como espazo aberto

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

No discurso do premio Casa dos Poetas, reclamouse crear unha rede de vilas literarias

03 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O claustro procesional de Celanova foi una ventá pola que o Parlamento de Galicia se achegou á sociedade. Alí se instalou o escenario onde onte se entregou o premio Celanova, Casa dos Poetas. Os políticos galegos, con todas as formacións parlamentarias representadas, amosáronse en certa maneira sorprendidos de que alguén se acordase deles para darlles un premio nestes tempos de descrédito da política. Ata a vila natal de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro foron o actual presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e os anteriores que aínda viven: Tomás Pérez Vidal, José María García Leira, Dolores Villarino e Pilar Rojo. A institución foi protagonista nesta 34 ª edición do premio cultural celanovés, nun acto onde abondaron as referencias a Celso Emilio e a Curros.

O Parlamento foi recoñecido polo seu esforzo de abrirse á sociedade e reivindicado como lugar onde expor inquedanzas. O alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e presidente da Fundación Curros Enríquez que concede o premio, expuxo as súas: que se constitúa oficialmente unha rede de vilas literarias de Galicia entre as que estaría Celanova, pero tamén Mondoñedo, Padrón, Vilanova de Arousa, Rianxo ou Cambados. Xa son vilas literarias, remarcou o rexedor celanovés, pero fáltalles ter o rango parlamentario. O proxecto está na Consellería de Educación, mencionou. «As vilas históricas galegas son garantes da nosa galeguidade», reclamou o alcalde, pedindo que se lles recoñeza o seu protagonismo como «alicerces da cultura galega».

Nas reivindicacións incidiu tamén a nacionalista Noa Presas. Na súa quenda, tras firmar no libro de honra da fundación, falou da forza das palabras e cuestionou que «algo está fallando porque a lingua galega é a única do Estado que está perdendo falantes». Xoaquín Fernández Leiceaga, polo PSdG-PSOE, apoiouse na figura de Curros, o «gran poeta cívico», e falou da sorpresa que lle supuxo este premio para o Parlamento neste «tempo de descrédito da política». Desde En Marea, Luís Villares lembrou o perfil comprometido e republicano de Curros, quen se preguntaba no século XIX por qué o galego non podía ser unha lingua vehicular. Villares inquiriulle ao Goberno galego por qué prohibe o ensino de Matemáticas en galego, ademais de lembrar outros temas tratados por Curros e que, afirmou, seguen vixentes, como a emigración ou o feminismo. Pedro Puy botou man dun poema do estremeño Francisco José Chamorro Psicología moral: filosófica, no psicológica, que comeza «Pedro Sánchez nunca ha hablado conmigo, /ni Mariano,/ni Albert,/ni Pablo,/ni Alberto». Un texto satírico, dixo o voceiro do PP, para expresar a necesidade de que os políticos se abran á sociedade. O presidente Miguel Santalices dixo que o Parlamento está aberto a que calquera persoa o visite, pero considera preciso que os parlamentarios tamén se fagan visibles na rúa, entre a xente ou as empresas. Reivindicou o bilingüismo como «un tesouro» e, ao final, pediu un esforzo para resolver o crime de don Adolfo, custodio da Virxe do Cristal.

Amancio Prada tocou o «pandeiro» no busto de Celso Emilio Ferreiro

A figura de Celso Emilio Ferreiro foi lembrada por varios presentes, que o coñeceron persoalmente. O venres foi o 39 º cabodano do vate celanovés. O acto do premio, dividido en dúas partes -a primeira diante do busto de Celso Emilio- e a segunda, no claustro, tivo o leitmotiv musical do artista berciano Amancio Prada, quen lembrou anécdotas que tivo co poeta; acabou tocando o pandeiro- que Celso Emilio lle dixera que tocaba para desafogar a tristura- usando o busto escultórico como instrumento. Amancio Prada cantou a capela na rúa e coa súa guitarra no claustro tras lembrar primeiro que nos anos setenta lle escribira a Celso Emilio, remitindo a carta á irmandade galega de Caracas, pedíndolle permiso para cantar e gravar María Soliña. O poeta contestáralle que lle encantaba que se cantaran os seus versos e que coidaba que Amancio Prada podía ser un deses reiseñores que abondaban no Bierzo.

Non foi o único artista presente onte na vila. Por Celanova pasaron pintores como Baldomero Moreiras ou Xulio Fontes, poetas como Anxo Angueira. E a banda de gaitas de Celanova puxo os sons solemnes do himno galego e populares. Foi un acto no que a cultura reivindicou á política e que contou con numeroso público. A boa mañá e o emprazamento, singular e cómodo, con moderna pantalla xigante no claustro barroco axudaron a que fose seguido por bastantes asistentes. Logo do acto oficial houbo unha comida para as autoridades na Casa dos Poetas.