O Entroido Quente de Maceda repite outro verán

UXÍA CARRERA / x. m. r.

CELANOVA

MIGUEL VILLAR

Case cen participantes protagonizarán a xornada no Rali do Humor

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá chega de novo o día máis divertido do verán para os macedaos. Tras once anos de vida, o xa histórico Entroido Quente volve ás rúas de Maceda para disfrazar a calquera que desexe unirse. A festa abrirá ás 17.00 horas co evento máis especial do día, o Rali do Humor. É o acontecemento máis esperado polos veciños, contando cun gran número de xente para participar e unha gran competitividade para conseguir a vitoria, sempre dentro dun marco de diversión. Como cada ano, vintecatro grupos de catro persoas cada un, maiores de quince anos, competirán por toda a vila en oito probas ao estilo de Grand Prix. O concurso consiste nunha ruta GPS na que os participantes terán que buscar as localizacións para realizar cada proba, en cada unha obterán unha puntuación e rematarase cunha gran final no parque do Toural. Este ano, dende a comisión de festas, asegúrase que a final será moito máis vistosa e singular. Despois da competición, dárase paso á charanga de Celanova, CBQ, dende as seis da tarde ata as oito e media, para que toda a xente a siga e percorran a vila ao ritmo da música.

Para comezar a longa noite de festa haberá concertos gratis a partir as 23.00 horas da mao dos grupos Menage á Trois (Ourense), Raúl&Cia (Pontevedra) e os MFC Chicken dende Londres. As festas xa son populares por toda a provincia reunindo a un gran número de visitantes. Aínda así, dende a organización aseguran que cada ano intentan innovar e superar todas as expectativas.