A ilusión de adestrar a boas persoas

Rubén Vieira está celebrando en Celanova un campus de baloncesto para cen nenos


ourense / la voz

Aos seus 32 anos, o celanovés Rubén Vieira está cumprindo os seus soños profesionais. Vai encetar a terceira temporada consecutiva como preparador físico do Obradoiro na Liga Endesa e está pasando as súas «vacacións» na vila ourensá, levando un campus de baloncesto no que participan cen rapaces e rapazas. Da súa man, os pequenos aprendices teñen a oportunidade de falar con xogadores da talla de Pepe Pozas (Obradoiro), Edu Martínez (Burgos) ou Guillermo Rejón (ex COB e Alacante), ademais de adestradores, do COB e do Obradoiro, que pasaron por Celanova durante esta semana de campus.

«No Obradoiro, o nivel de traballo é alto, pero o club dá pasos cara adiante con certa estabilidade. É a Liga ACB e hai a ilusión por aprender. A competición esíxeche formarte e mellorar en certas cousas en todos os aspectos do xogo que che fan crecer día a día», expón Vieira, que antes de chegar ao club compostelán foi preparador físico durante cinco temporadas do Club Ourense Baloncesto. Como en todo deporte de elite, o aspecto físico é moi importante. «A maioría dos xogadores teñen que ser superdotados fisicamente. Xogan en seleccións no verán e teñen unha esixencia física moi alta. Se adestras un número de horas cada día, tes que ter un bo punto de partida para ter esa carga de traballo técnico, táctico e físico».

A reciclaxe no seu traballo é continua. «A preparación física, non só no baloncesto, evoluciona a pasos axigantados. Cada ano hai melloras abismais. A competición é moi esixente a nivel físico e o punto de partida dos xogadores ten que ser bo. Normalmente o que buscan os adestradores é que os xogadores fisicamente sexan bos, porque xóganse moitos partidos e o nivel de contacto e intensidade son altos», subliña o preparador celanovés.

Vieira está gozando agora do soño de traballar no baloncesto profesional. «Era o que eu soñei de pequeno. En Ourense xa era baloncesto profesional, e agora teño a grande fortuna de estar nun club da máxima categoría nacional. Este ano organizará a Supercopa e ten ambicións de seguir mellorando. É o que soñei, o importante é manter, pasados os anos, a ilusión que tiñas por chegar e por mellorar», reflexiona.

Santiago é unha cidade onde o público está co equipo. «A afección de Santiago é exemplar, entende e lle gusta o baloncesto e transmiten moita paixón. Os xogadores marchan con bos recordos», asegura o preparador, que está contento co funcionamento do club compostelán en todos os sentidos.

Respecto ao Club Ourense Baloncesto, Vieira viviu a frustración do ascenso que non se puido materializar á ACB logo de conseguilo na pista: «O non ascenso foi un pau para todos. Se pouco a pouco van facendo as cousas ben, chegaralle o seu momento aínda que agora non debería pensar no salto de categoría, se non en facelo cada ano un pouco mellor e gozar do camiño».

Neste seu camiño, Vieira ten coñecido xogadores que lle marcaron. Foron moitos, aínda que menciona os máis recentes: o americano Matt Thomas, pola «súa capacidade de traballo incrible e a súa calidade técnico-táctica e física moi boa» ou Artem, un dos teitos da liga. «O que destacaría destas sete temporadas que levo é que tiven a sorte de adestrar a moi boas persoas, que marca tanto ou máis como ser bos xogadores», engade.

Nesta outra aventura do campus de baloncesto de Celanova, que xa dura catro anos, acompañouno o ex xogador do COB Pedro Rivero, que a vindeira temporada adestrará ao Alacante en LEB Prata. Empezaron con corenta nenos e este verán teñen cen entre doce monitores. «Tiña a idea de facer algo de baloncesto de onde eu son, de ver a cen nenos practicando nunha vila onde non hai baloncesto. Que practiquen deporte, convivan e aprendan valores», explica. Algúns quédanse a durmir no albergue celanovés e fan con eles adestramentos nocturnos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A ilusión de adestrar a boas persoas