«A poesía pode ser un vínculo para a relación familiar no diario»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

MIGUEL VILLAR

O escritor da Terra de Celanova propón un xogo lúdico interxeracional coa lingua

17 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A poesía é un xénero literario minoritario en vendas e en lectores, pero desde sempre vén cumprindo múltiples funcións. No mundo tecnolóxico e audiovisual que hoxe nos rodea pode servir para unir as familias, pais con fillos, a través do xogo e a conversa que inspiran textos sinxelos. Foi o que se propuxo o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiros, Ramirás, 1966), autor de Versos para conversar (Galaxia), poemario que presenta hoxe ás 20.00 horas na libraría Punto e Coma, na Rúa da Paz de Ourense.

-O que propón en «Versos para conversar» é utilizar a poesía para reflexionar?

-Para iso e para moito máis. Para que a poesía, como consta na dedicatoria do libro, sexa un elemento de conexión interxeracional, entre pais e fillos ou netos. É un xénero minoritario, pero está presente en cada aspecto da vida, porque a poesía é pensamento concentrado; a poesía pode ser un vínculo para a relación familiar no diario, como ocorre no meu contexto coas miñas fillas. Neste libro hai moito de xogo lúdico coa lingua, hai un exercicio importante de expresión, con xogos de palabras, aloumiños, trabalinguas e musicalidade. É o que quixen propiciar con este libro, reivindicar a poesía desde o cotián.

-Non é entón un libro para lerlles aos nenos cando van á cama?

-É para que se poidan ler versos todos os días e che reciten poemas todas as noites. Para que calquera, en calquera momento do día, se decida por ler e soñar con poesía. Por exemplo, tamén hai un poema familiar adaptado, da miña avoa, Durme e repousa. Aquí tamén se reivindica moito a tradición, moi potente e creativa na literatura galega culta e popular. O ilustrador, Pablo Rosendo, captouno ademais moi ben. Pero as promotoras disto foron as miñas fillas, Celtia, de seis anos, e Minia de dez, que me dixeron «papá, está moi ben o que fas pero a ver cando escribes libros tamén para nós». Este é o meu primeiro libro que sae en Galaxia, a editorial de referencia, que se propón un xogo coa nosa cultura e a nosa lingua, como algo vivo, moderno e contemporáneo.

-Pensa que o galego está presente entre os pequenos?

-Está presente máis nuns contextos que noutros. Por unha deficiente política lingüística está máis desaparecido en certas zonas urbanas que nas rurais. Se se promove que se asocie o galego cos cartos, a industria ou o deporte, iso ten unha repercusión directa á hora de multiplicar o número de falantes. A escola ten un papel importante como elemento de transmisión lingüística.

-Di que a poesía é un xénero minoritario. É accesible para os nenos?

-O que máis se promove e consume é a narrativa. Pero vexo nas aulas que a poesía é en parte descoñecida porque non se traballa con ela e non se ofrece. Pero a poesía ten o beneficio da instantaneidade, a inmediatez, a musicalidade. Un texto é un mundo en si.

-Que temas escolleu para conversar nos seus poemas?

-A nosa lingua e realidade cultural, cuestións de ecoloxía, os animais ou a boa alimentación; sempre desde unha perspectiva lúdica e desde un enfoque positivo, luminoso e optimista. É unha vitamina de enerxía positiva para calquera.

-Escribe tódolos días ou só cando ten un proxecto concreto?

-Había quen dicía que a inspiración require bastante da expiración. Depende, pero o que si é claro e que colla o bolígrafo ou non, a cabeza sempre está cun proxecto ata que o consegues desabafar e plasmar nunha obra.

-Por que se le tan pouco ou se deixa de ler?

-Hai que crear esa necesidade de ler, que se vexa como algo marabilloso, que vexan que o fan os seus referentes. Nos medios a cultura está pouco presente.

Obra. «Versos para conversar» é o sexto libro de poesía de Domínguez Alberte, autor tamén de obras de teatro, ensaios e traballos colectivos.

Profesión. É profesor de Lingua e Literatura Galega no IES de Bande. Antes foi investigador e asesor lingüístico.