«O cura ten que estar entre a xente»

M. RODRÍGUEZ OURENSE

CELANOVA

Santi M. Amil

O arcipreste de Celanova, Cesáreo Iglesias Grande, recibe unha homenaxe polos seus 44 anos á fronte da parroquia

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Este vindeiro 2 de outubro, fará 44 anos que Cesáreo Iglesias (coñecido como don César) e o seu irmán Manuel chegaban á parroquia de Celanova, logo de seis de servizo en Entrimo, o seu primeiro destino como sacerdote. Atrás quedaban trece anos de formación na carreira eclesiástica. César Iglesias está desde outubro de 1972 vinculado a Celanova e moi vinculado porque desde o primeiro momento buscaron como integrarse na vida do pobo organizando actividades sociais alén das relixiosas no club Solpor. O próximo domingo, para conmemorar estas máis de catro décadas ao fronte da parroquia, unha comisión de Solpor organizoulle unha homenaxe.

?Que balance fai destes 50 anos de sacerdocio?

?Son bastantes anos e nótanse. Tiven a grande sorte de ter ao meu irmán, Manuel. E tamén tiven sorte ao lle pedir ao bispo que nos mandase a tres sacerdotes xuntos, en equipo, a Entrimo. Foi unha grande vantaxe porque fáltache experiencia sobre como orientar a túa vida. Foron anos marabillosos, éramos novos e tiñamos gañas de facer cousas. Tivemos unhas experiencias estupendas que recordamos con alegría. Había dous días a semana nas que nos reuníamos para programar a predicación, os avisos, todo igual para as parroquias. Era un consello que viña do Concilio Vaticano II, que invitaba aos bispos a fomentar os equipos sacerdotais. A xente de Entrimo era acolledora e moi sociable. Unhas persoas que se animaban a participar e colaborar.

?Cando chegaron a Celanova fomentaron o asociacionismo. Era por motivación persoal ou unha directriz da Igrexa?

?Xa o di o Papa actual, que hai que ser curas con pel de ovella e hai que estar en contacto coa xente. Isto é de sempre así: o cura ten que estar entre a xente, senón es unha illa. Fómolo descubrindo en Entrimo, que tiñamos que facer o posible por axudar a xente a promocionarse. Alí puxemos cursos de cociña, que lles foron moi bos. Antes había moitos mozos e a xente estaba ansiosa de xuntarse e celebrar.

?En Celanova custou máis?

?Non. Chegamos o 2 de outubro e en novembro fixemos un magosto no instituto. Pensando no nome para asociación, apareceu Anxo, un namorado e devoto de San Rosendo, e propuxo Solpor. E aos dous días comezamos a ensaiar unha obra de teatro, El médico a palos. Tíñamos claro que non nos podíamos pechar no convento e fixemos cousas para que participara a xente e viran que a Igrexa se preocupaba pola acción social e cultural. Así creamos o club xuvenil. Mentres estudaba Maxisterio coñecín a Pepe Paz, presidente do cine club de Ourense, e en 1974 organizamos unha semana de cine en Celanova, con películas boas, como Una odisea en el espacio. O cine club funcionou durante catorce anos e chegou a ter 400 socios. Xurdiu a idea de ir de vacacións e o ano seguinte comezamos co cámping, que funcionou 37 anos de marabilla. Era unha forma de chegar moito aos pais.

?44 anos dan para coñecer a vida, obra e milagres da xente de Celanova. Pídenlle consellos?

?A xente aínda se fía do cura e acude para moitas cousas. É de agradecer. Para min é unha satisfacción poder facer algo polos demais. Aquí moita xente colabora. Coa Semana Santa e o Corpus levamos 26 anos. No teatro da Pasión hai 53 persoas, na montaxe dos pasos, nas alfombras florais...

?Non tivo a tentación de marchar a outra parroquia?

?Ofrecéronme unha vila máis grande, pero dixen que estaba moi a gusto aquí. E xa non me vou. Ves que o que fas e proxectas vai adiante. O momento máis satisfactorio foron os anos xubilares de San Rosendo (1977 e 2006), nos que houbo opulencia de xente. Momentos duros non tiven. Hai que coidarse como persoa, crente e cura, cultivar a vida espiritual e ser un home de oración.

?Evolucionou a súa forma de ser cura e a propia Igrexa?

?A Igrexa depende das persoas. A sociedade está hoxe máis secularizada pero seguen colaborando. Aquí hai problemas de pobreza, agora acentuados pola crise de Venezuela. En Cáritas do arciprestazgo temos 48 familias necesitadas; o ano pasado gastamos dez mil euros, que saen da colecta de fin de mes, ademais dos alimentos que veñen de Europa.