A memoria do cura de Vilanova enche o día da romaría Raigame

p. seoane OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

A praza de Vilanova foi escenario dos actos en lembranza do cura Adolfo Enríquez Méndez.
A praza de Vilanova foi escenario dos actos en lembranza do cura Adolfo Enríquez Méndez. antonio cortés< / span>

O roubo da Virxe do Cristal, un «atentado a Curros e ás letras galegas»

18 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi día de festa en Vilanova dos Infantes. Debería ser a XIV edición da romaría Raigame, pero a de onte foi unha xornada de «fonda tristura», en verbas de Xosé Luís Méndez Ferrín, na lembranza dun home non só dos «bos e xenerosos», como era o cura Adolfo Enríquez, senón tamén unha persoa chea de humildade que sabía dobrarse en cidadán solidario. Ao cura Adolfo Enríquez matárono o pasado 10 de marzo. Os que o fixeron seguramente non sabían que estaban cometendo varios crimes ao mesmo tempo. Porque non só mataron ao home, senón tamén o que representa a Virxe do Cristal, desaparecida dende aquel mesmo día, co cal moitos veciños se ven non só ofendidos e doloridos, senón tamén orfos, pois «esa cousiña» é parte da memoria, da identidade, algo que en Vilanova querían os veciños, os seus pais, e os pais de seus pais ata ir séculos atrás. E aínda máis. Tres. Ao roubar a peza da Virxe do Cristal, os ruíns que o fixeron, como dixo o autor de Con pólvora e magnolias, tamén atentaron contra a memoria de Curros Enríquez e as letras galegas.

E se A Virxe do Cristal de Curros Enríquez sempre é referente en Vilanova, este ano foino aínda máis. O roubo da pequena peza, a súa desaparición, estivo moi presente e foi motivo de recorrente lembranza na xornada.

Tamén o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, participou da homenaxe a Adolfo Enríquez nesta teórica XIV edición da romaría que non foi tal, senón unha homenaxe ao párroco e á Virxe. Oficiou o bispo a misa no exterior do santuario da Nosa Señora do Cristal, coa participación de curas do arciprestado de Celanova. «Roubáronnos un sacerdote bo e fiel», lamentou Leonardo Lemos, que pediu aos asistentes que non consentiran que lles roubaran a eles a súa fe e a súa devoción pola Virxe do Cristal.

Dignificar folclore e tradición

Naceu a romaría Raigame, según onte lembraron dende a organización, como unha festa para dignificar o folclore e a tradición popular. Limitados polo loito, o coro Solpor de Celanova e a banda de Música de Vilanova, Coral de Ruada, e un grupo de danza de Vilanova participaron onte nun programa de actividades no que tamén interviron rapaces dos colexios Curros Enríquez, Sagrado Corazón e IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova. Como mantedora estivo a actriz Fina Calleja. A romaría, como di o alcalde, José Luis Ferro, «continuará a súa andaina durante os próximos anos; se cabe, e no que a nós respecta, con moita máis forza aínda, conscientes do valor que o propio don Adolfo lle daba a esta celebración». O centro de cultura popular Xaquín Lorenzo está comprometido.

Reivindican o esclarecemento da «horrible morte precedida de torturas»

A reivindicación dun rápido esclarecemento da morte do cura de Vilanova, Adolfo Enríquez, estivo presente durante toda a xornada. E fálase, como dixo o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, de «asesinato e non da morte» do párroco, un home ao que sempre o moveu, de acordo co rexidor, facer o ben e mesmo custodiou ata as últimas consecuencias a figura da Virxe do Cristal. Non había noticia en Vilanova, lamentou Méndez Ferrín nunha sentida intervención, de que na historia ou na prehistoria local houbera referencia de feitos como a «horrible morte precedida de torturas» do cura párroco.

Pediu o escritor que as autoridades políticas lles esixan ás xudiciais que se esclareza e se resolva o antes posible este suceso.

Por parte da familia do cura falecido, o seu sobriño José Manuel Enriquez transmitiu en Vilanova a tristura do momento, referiuse expresamente ao gran traballo que está a facer a Gardia Civil, como dixo que lle constaba, pediu que os deixaran traballar para que poidan chegar a coller a esas «alimañas», para que cheguen a ser xulgados e castigados o máis «duramente» posible.

A sucesión de actos celebrados en Vilanova, nunha praza na que varios carteis lembraban a figura do cura e reclamaban xustiza, rematou coa descuberta dunha placa nunha das rúas, que leva xa o nome de «rúa de don Adolfo». Fora aprobado o cambio de nome por unanimidade da corporación local de Celanova.