Un libro disco amosa a represión franquista que houbo na Raia

Jesús Manuel García

CELANOVA

28 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O mosteiro de Celanova foi onte escenario de recordo da a represión vivida durante o franquismo. Pola mañá, a asociación Arraianos presentou o libro Represión, solidariedade e resistencia antifranquista na Raia , que se acompaña dun deuvedé e está publicado por Alvarellos. Trátase dunha homenaxe ós mártires do Furriolo e pódense ler as intervencións feitas en agosto do 2006 na homenaxe a esas persoas fusiladas no devandito alto.

O contido do libro xa se publicara fai un ano nun formato máis pequeno pero esgotouse. Por iso agora recupérase engadíndolle o disco que contén a videocreación Noutrora , obra de Xudit Casas e o documental Elixio Rodríguez, o aviador arraiano , realizado por Alfonso Vázquez.

No salón de actos municipal falou Carlos Pereira, neto de Celso de Poulo, que fora alcalde de Gomesende e no 1936 resultou fusilado no Furriolo. «Eu escoitaba de neno na casa que ó meu avó matárano porque era un home bó. Pero outros dicían que matárano porque era malo, malo para os caciques, ós que molestaba. Tiña 51 anos cando o mataron».

Lembrou Pereira detalles «que parecen de risa» cando na farmacia, unha clienta lamentaba aquela morte e a moza que atendía no mostrador tamén asentía coa muller. «O farmacéutico saíu da rebotica e díxolle á rapaza que quitara a bata, que se marchara para a súa casa e que xa viría seu pai para facerlle a conta». Pereira leu escritos dos xenerais Mola e Queipo de Llano nos que os dous xustifican do seu puño e letra a imaxe de terror que querían e conseguiron crear, con fusilamentos. «¿Que estado era ese como para que catro xenerais decidiran matar xente e que a eles non lles pasase nada?», preguntaba Xulio Medela, membro de Arraianos.

Nesta presentación deixaron claro os Arraianos por voz de Medela que non se trata de apropiarse do pasado senón de afrontar o presente coñecendo ben o pasado «para que non nolo conten». Neste acto proxectouse o vídeo dedicado a Elixio Rodríguez, «que encarna en si o que os galegos puidemos chegar a ser e non temos sido», engadiu Medela. Mentras David Romero tocaba un solo de gaita, estaba nevando sobre Celanova.

Xa polo serán, outra cita no mesmo lugar, para presenciar a estrea do documental de patricia Nogueira, San Salvador. Presos en Celanova . Unha volta ó cárcere no que se converteu o mosteiro. O público viu e escoitou testemuñas tanto na cinta como en directo. Foron corenta minutos de expectación con mixtura de emocións polas cousas que alí sucederon a xentes con nomes e apelidos fai unhas décadas.