Castro Caldelas vibrou co lume na Festa dos Fachós

m. rodríguez OURENSE / LA VOZ

CASTRO CALDELAS

Santi M. Amil

Milleiros de persoas achegáronse á vila medieval a participar da tradición 

20 ene 2024 . Actualizado a las 11:26 h.

Entre lusco e fusco, co son das campás do santuario dos Remedios, unha multitude esperaba no adro da igrexa, en Castro Caldelas, para vivir un ano máis a tradición dos fachós, unha das festas máis vistosas da provincia de Ourense. Milleiros de persoas se deron cita na vila ourensá para gozar dunha festa tradicional na que o lume é protagonista, mais tamén o chourizo e o viño para rematar a noite a carón da fogueira. Este ano o fachón principal, cortexado por centos de candeas individuais de palla, tiña unha lonxitude duns corenta metros, coa figura do san Sebastián no medio tamén feita con palla. Coa vila a escuras, completou o percorrido ardendo pola zona histórica. Nun momento, rachou por mor do aire, pero o resto do fachón, que aínda era ben grande, continuou a volta ata regresar ao adro da igrexa e serpear arredor da cacharela, apertándoa e alimentándoa cos quilos de palla que compoñen o fachón.

Logo tocaba facer ringleira para conseguir un dos petiscos de chourizo e viño. Había moita xente e houbo que armarse de paciencia, pero o alimento e a bebida chegou para todos. Castro Caldelas encheuse coa poboación local festexando e con centos de visitantes que se achegaron para ver por primeira vez esta celebración ou para repetir.

Ía frío, pero á carón do facheiro e co viño da Ribeira Sacra e os chourizos no corpo e a música das charangas e gaitas foi ben levadeiro. Os mozos e mozas gozaron cargando o fachón por toda a vila e rematando a procesión no adro da igrexa. Para rematar, había queimada para todos.

A organización traballou dabondo para atender a todos, e a pesares de que houbo que esperar pola merenda, houbo un gran ambiente para festexar unha das celebracións máis tradicionais e singulares do inverno. É un traballo que non se limita a un día, nin aos días previos, senón que implica unha preparación de meses, pois a palla procede do centeo que se sementa cada ano, unha labor que nos últimos tempos promove o Concello de Castro Caldelas para asegurar que haberá material para manter a celebración.

Os fachós son un dos sinais de identidade da vila e cada ano gañan máis sona. Ao tempo que atrae visitantes, séguese a inculcar a tradición entre os pequenos, ensinándolles a facer os cilindros de palla.