Como ser un subcampión nacional sen saír da casa desde Castro Caldelas

CASTRO CALDELAS

CEDIDA

Rubén Novoa, estudante de Informática no campus, acadou o segundo posto nun torneo nacional de deportes electrónicos

28 may 2020 . Actualizado a las 14:38 h.

A Rubén Novoa, estudante de primeiro ano de Enxeñaría Informática no campus de Ourense, o coronavirus levouno de volta ó seu Castro Caldelas natal. «Tiña un piso na cidade, pero cando comezou todo cancelamos o aluguer», conta. O que non se detivo foi a docencia, así que estes días toca sentarse fronte ó seu ordenador de sobremesa.

Desde aí, sen moverse da cadeira, foi como logrou colarse no Olimpo de virtuosos do Hearthstone, un xogo de deportes electrónicos baseado nas cartas Magic, e que está integrado nos Amazon University Esports, un torneo a nivel nacional no que Novoa acadou o subcampionato representando ós Thunders da Universidade de Vigo pese a ser un debutante. «Cada un xoga cunha baralla de 30 cartas e a súa tarefa e tentar destruír o heroe rival. Eu coido que tiven algo de sorte, porque non lle dediquei moito tempo. En verdade, téñoo como un entretemento, e intento non estar demasiadas horas con isto», di.

Novoa, aos seus 19 anos, tómase o premio con tranquilidade, pese a que na final da competición púxolle as cousas difíciles ó gañador na edición do ano pasado, o valenciano Matías Rodríguez. «Foi moi disputada e a vitoria puido caer por calquera dos dous lados, pero nótase que el é moi bo en xogos de estratexia», conta.

Agora, recibirá un premio en metálico tras competir desde o mes de outubro, cando comezaron as probas clasificatorias de cada universidade e os posteriores enfrontamentos por conferencias. Con todo, el di que ós seus pais, como moito, «failles graza, porque eles o que queren é que estude e insisten máis nesa parte». «E eu, en realidade, metinme por pasar un pouco o rato», engade.