O Irrio Peliqueiro toma Castro Caldelas

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

CASTRO CALDELAS

A localidade abriu onte, coa noite das bandeiras, cinco días de celebración na honra da Virxe

07 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como moitas outras localidades da provincia, Castro Caldelas réndese estes días á devoción mariana na festa da súa natividade e que, nesta localidade, aparece baixo a advocación de Virxe dos Remedios. Pero neste municipio a festa garda, como ouro en pano, tradicións fondamente arraigadas no pobo e que as novas xeracións secundan co mesmo entusiasmo que no seu día fixeron os seus ancestros. É o caso da noite das bandeiras, que se celebrou onte, e na que os caldelaos botan man do espírito colaborativo propio do rural saíndo ás rúas e prazas a partir da media noite para engalanar entre todos o pobo coas bandeiriñas de papel. Ó rematar a faena, repártese bica, empanada e viño da Ribeira Sacra.

Outro elemento ben singular desta festa e que, aínda que non o pareza, vincúlase unicamente a ela e non a tempos do entroido, é o Irrio Peliqueiro. Esta máscara de madeira que coroa un singular traxe cortado en estilo frac e cuxo portador é sempre anónimo, reina nas festas a lo menos dende 1839, e convértese nestes días no xefe do pobo. A el deben someterse tódolos presentes, veciños ou visitantes; para algo ten foros propios que lle dan dereitos excepcionais. Entre eles, o de encabezar as procesións ou tamén o de zoscar co seu pelico a quen considere lle estorba.

O Irrio Peliqueiro ten un foro especial e é a máxima autoridade nas festas. FOTO