«É moi difícil educar o espírito crítico dun neno na sociedade da inmediatez»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

CASTRELO DO VAL

José Luis na finca que herdou do seu pai e que, según asegura, é onde viviu os mellores momentos familiares e coas amizades
José Luis na finca que herdou do seu pai e que, según asegura, é onde viviu os mellores momentos familiares e coas amizades Alejandro Camba

José Luis Salgado Fariñas exerceu durante corenta anos, alerta sobre os retos do ensino

30 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Resumir as catro décadas de traxectoria profesional de José Luis Salgado Fariñas non é unha tarefa sinxela. Exerceu como docente de tódalas etapas educativas de infantil a secundaria e tanto en pequenas escolas unitarias como en agrupacións de centos de rapaces. Empezou con 23 anos en Vilar de Barrio e percorreu varios concellos da provincia, como Xinzo, Viana do Bolo, Castrelo do Val e Monterrei, ademais de Verín.

José Luis lembra que decidiu que quería ser mestre cando estudaba COU. Conta que ata ese momento barallara opcións ben diferentes, dende facer Dereito a estudar Medicina. «Ao final, como fun por letras porque as matemáticas non se me daban tan ben, encamiñeime a Maxisterio», conta. Este docente di sentirse moi satisfeito daquela elección e, a tenor dos aplausos dos alumnos do IES Castro de Baronceli na despedida sorpresa que lle prepararon, tamén deixa un bo recordo.

Corenta anos dan para moito, pero el fai un balance positivo, aínda que recoñece que houbo dificultades e momentos de apuro. Como a súa estrea profesional nunha escola infantil. Chegou en xaneiro para tomar o relevo ao mestre que se xubilara. «Recordo que foi complicadísimo. Non sabía moi ben como empezar. Non nos preparaban, como agora, de forma específica para a tarefa cos nenos tan pequenos. Contactei con outros compañeiros que daban esa mesma etapa e, preguntando e informándome, fomos sacando adiante a tarefa», lembra.

Tampouco foi sinxelo o tempo que pasou nas escolas unitarias de Veiga de Nostre (Castrelo do Val) e Vilaza (Monterrei). «É un tipo de situación no que aprendes a marchas forzadas, porque todo depende de ti. Xa non é só planificar o traballo puramente de ensino aos rapaces das distintas idades que tes xuntos, tamén hai que xestionar todo, incluso as compras do material que fai falla. Hoxe en día estes colexios rurais están agrupados e adoitan funcionar cun esquema de colaboración con outras escolas, reúnense para planificar e teñen profesores de apoio. Daquela estabas só e nótase moita diferenza, máxime cando aínda es novato na profesión e chegas dun grupo escolar, como me pasou a min, que estivera xa no de Xinzo», explica. O docente confesa que sempre se atopou máis a gusto traballando en equipo. «Hai xente que prefire exercer nese esquema máis en solitario, pero para min o día a día cos compañeiros é moi gratificante», conta.

O seu exercicio profesional coindiu con importantes cambios tanto na sociedade como nas estruturas educativas. «Eu son dos que pensa que todo evoluciona para mellor, tamén na educación. Eu hoxe vexo ós compañeiros novos que se incorporan máis preparados do que puiden saír eu. Agora hai moitos máis medios, incluído os cambios na ofimática e a informática. Nos anos 90 empezamos a ver os primeiros ordenadores nos coles e iso foi un impacto brutal», sinala. Para José Luis Salgado a educación vai avanzando xeración a xeración. «A formación das persoas mellora a pesares incluso desas constantes variacións na lei, que non hai maneira de que paren un pouco con tanto cambio. Estar continuamente así, facendo unha lei nova cada vez que hai un novo goberno, non é positivo», engade.

O mestre asegura que nota aos rapaces máis espilidos do que eran na súa xuventude: «Aínda que habería que regular un pouco o uso das pantallas». Conta que hai preocupación entre os profesionais da educación por estar ao día e guiar aos rapaces no uso de internet e as redes sociais.

«Aínda que lle repetimos constantemente que hai que seleccionar, saber onde entran e onde non deben entrar nunca, para eles é moi difícil. Parece que lles custa comprender que hai unha responsabilidade no uso da tecnoloxía. E a información chégalles en vídeos de tres minutos en TikTok. É moi difícil educar o espírito crítico dun neno na sociedade da inmediatez que non é moi compatible coa reflexión», comenta. José Luis Salgado conta que nos círculos educativos se debate cada vez máis sobre os riscos que afronta a sociedade do futuro. «Se aqueles que serán adultos e tomarán decisións son persoas que non teñen formada esa capacidade de análise, serán facilmente manipulables. E iso é aproveitable por tendencias políticas que poden ser moi perigosas. E os que vivimos tempos pasados sabémolo ben».

«Estou orgulloso de que os meus tres fillos elixiran o mesmo camiño»

José Luis Salgado conta que na súa decisión de dedicarse ó ensino influíron principalmente dous docentes que lle deron clase cando el estaba no instituto. «Jesús, que nos daba Literatura, e Leónidas, que era o de Lingua, foron dous profesores que me marcaron», conta. Este mestre non tiña antecedentes familiares na profesión nos que mirarse, pero si logrou iniciar una saga a partires del mesmo. «A verdade é que estou orgulloso de que os meus tres fillos elixiran seguir o mesmo camiño da docencia, aínda que sempre tiveron liberdade para facer o que quixeran porque esta é unha profesión na que é importante sentirte comprometido co que fas», comenta o recén xubilado.

Quen é

  • DNI: José Luis Salgado Fariñas naceu en Río de Janeiro en 1960 pero con sete anos seus pais decidiron volver á comarca verinesa da que procedían. Estivo interno no colexio Salesianos de Ourense durante o bacharelato e tamén fixo a carreira na Escola de Maxisterio da cidade de As Burgas. Foi 20 anos mestre de primaria en varios centros do rural e outros tantos profesor de secundaria no IES Castro de Baronceli, que dirixiu na última década.
  •  O seu rincón: O lugar que José Luis elixiu como o seu espazo de referencia é unha finca que herdou de seu pai. «Aquí teño tódalas lembranzas da crianza dos meus fillos e agora das miñas netas. Aquí foron os momentos de celebracións tanto familiar coma cos amigos. É moi especial para min», di.