Os primeiros contactos de Galicia co Mediterráneo

Nalgún intre do ano 1000 a. C., un guerreiro da Idade do Bronce encargou unha labra moi especial sobre unha pedra extraída das ladeiras do Val de Monterrei


Nalgún intre do ano 1000 a. C., un guerreiro da Idade do Bronce encargou unha labra moi especial sobre unha pedra extraída das ladeiras do Val de Monterrei. Aquel traballo debía representar todas as súas armas, seguindo a moda dominante no sur da Península, berce das culturas de Tartessos e, posteriormente, da Turdetania.

Esta obra permanecería na súa ubicación os seguintes 3.000 anos. Xa fose como homenaxe funeraria, como lembranza ou como sinal territorial, rematou por dar nome ao lugar ?«A Pedra Alta»- de Castrelo do Val onde foi atopada en 2010.

Pese a que hoxe a «Estela do Guerreiro de Castrelo do Val» está custodiada na colección do Museo Arqueolóxico de Ourense, a posesión e exhibición desta potente mensaxe do Bronce Final segue xerando debate. Porén, quizais o máis urxente sexa decodificar a mensaxe que nos envía aquel guerreiro, ou os seus admiradores, ou quen fora que ?seguindo unha moda foránea, como o emigrante retornado que planta unha casa alpina no medio dunha chaira en Galicia- quixo usar ese idioma visual en concreto para dicirnos: «ollo, que aquí houbo un guerreiro».

Este é o motivo polo que o Museo do Claustro Mercedario de Verín adica a Peza do Mes de novembro á Estela do Guerreiro de Castrelo do Val, sempre dende a óptica da interpretación patrimonial, para intentar divulgar o seu significado para a nosa comarca.

A tese que defendemos é que os habitantes do Val de Monterrei mantiveron contactos coa Europa mediterránea dende a Idade do Bronce, concretamente a través dun eixo sur-norte que atravesaba a Península Ibérica pola súa banda occidental, e que poderíamos chamar Proto-Vía da Prata. É a Estela do Guerreiro é precisamente a proba destes contactos. Nas zonas ocupadas polos tartessos concéntrase un tipo especial de antigas labras, que representaban a figura dun guerreiro, coas súas armas, carros e demais enxoval. Segundo a lectura científica do contido, nomeadamente a realizada maxistralmente por Alberte Reboreda e Breogán Nieto na Peza do Mes adicada polo Museo Arqueolóxido de Ourense a este mesmo particular en outubro de 2012, o seu deseño representa un escudo, que ocupa o lugar central, a modo de emblema. Sobre el disponse a espada, que aparece envaiñada e sustentada por unha correa que fai que se cruce en diagonal por diante do peito do guerreiro. Na parte inferior do escudo represéntase un carro tirado por cabalos e, por baixo del, unha posible lanza gravada en horizontal, que ocupa todo o ancho da estela.

Os elementos comúns, proveñan de fora ou fosen imitados aquí, demostran a conexión cultural co sur da Península e cos pobos que contactaron con ela, coma fenicios e gregos. Esta foi, sen dúbida, a época dos primeiros contactos co viño das poboacións indíxenas de Galicia.

O estilo daqueles primeiros «escudos heráldicos» ou panoplias inspirou directamente a Estela do Guerreiro de Castrelo do Val. Non existe ningunha outra catalogada en España máis ao norte.

Observando a distribución do mapa de achádegos deste tipo de estelas, todas cos mesmos obxectos representados, vai aparecendo, coma unha revelación, un camiño: o percorrido sur/norte que seguiu este estilo artístico. É, o mesmo vieiro percorrido nos primeiros contactos dos nosos devanceiros coas culturas mediterráneas, que se consolidaría como o gran eixo de comunicación que é coñecido hoxe como a Vía da Prata.

Dende o sur, onde se desenvolveron as culturas de Tartessos e da Turdetania, os colonizadores fenicios, gregos e máis tarde romanos comezaron a impulsar os seus tentáculos comerciais cara ao norte, ávidos de estano e de minerais preciosos. E de paso, foron deseñando, seguramente sobre trazados anteriores, o que sería o esbozo dun gran paso sur-norte na Península.

A importancia deste achado, único en Galicia, é que o seu estilo conecta directamente coas culturas do suroeste peninsular que, coma Tartessos, estiveron en contacto directo coa penetración das civilizacións mediterráneas, portadoras do viño.

E por ela chegou a estética destas «estelas do guerreiro» que, ou ben un nativo quixo copiar, ou ben un sureño ordenou evocar no punto peninsular máis ao norte no que nunca chegara esta estética, no corazón do Val de Monterrei. Esta historia non se podería ter contado sen as aportacións inestimables de Xosé Luis Lozano Rúa, descubridor e propietario da ubicación, Bruno Rúa Martínez, reportador, e Alberte Reboreda e Eduardo Breogán Nieto, arqueólogos. Así mesmo, é inapreciable o labor científico e divulgativo sobre a Pedra Alta do Museo Arqueolóxico de Ourense, así como a explicación gráfica de cultura.org.

Actualmente, o Museo do Claustro Mercedario conta cunha replica desta peza, exposta nunha das exposicións dos nosos fondos permanentes, interpretada coa fin de recuperar e dar a coñecer a historia da nosa comarca.

Luis Congil é comisario da exposición «Primeiros contactos»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os primeiros contactos de Galicia co Mediterráneo