«Caballero díxome que en Madrid hai interese en que non se consolide»

Raúl Fernández, ex secretario provincial del PSOE: «A xestora faise porque quere Miguel Fidalgo e porque quere Pilar Cancela, nin máis nin menos»


ourense / la voz

Era secretario provincial do PSOE desde o ano 2009 e foi cesado cando quedaban semanas para elixir ao seu sucesor. Raúl Fernández Fernández (Castrelo do Val, 1955) asegura que non pensaba presentarse á reelección. «Hai ciclos que hai que pechar e péchanse e punto». Afirma ter unha boa relación con Leiceaga e Caballero e seguirá no Parlamento galego ata que remate a lexislatura actual.

-¿Influíu na súa decisión de non repetir o feito de verse sen apoios?

-Non, de feito houbo xente que me chamou para animarme, xente incluso que estaba noutras posicións: «Joder, Raúl é unha pena que te vaias agora. Para encontrar estámonos véndonos negros...». Pero dixen que non. Terminou unha etapa. Foron oito anos nos que ti te volcas. Os tres primeiros co sacrificio aquel de estar dando clase, logo todo o que pasou en todos os lados e xa non me sinto con forzas.

-Entón, ¿como se sentiu cando na última reunión da súa executiva asistiron 8 dos seus 39 membros?

-Iso sei que non é un sentimento persoal; é un sentimento grupal. Non é que non foran porque non quixeran. Algún dixera que ía ir. Ao fin e ao cabo, na executiva estabamos máis ou menos igual... Non foi quen non quixo ir. Algúns que logo foron ao comité andaban por fóra. Entón sentes unha certa desazón. Non sei cal é a palabra exacta...

-¿Traizoado?

-Non traizoado. Sería coma unha certa deslealdade. Traballamos na mesma liña durante moito tempo e dóeche que, ao final, nun momento do punto e final, porque non era máis que iso... Non viña a nada.

-¿E non fai autocrítica? ¿Non pensa que algo puido facer vostede para provocar esa perda de apoios?

-Si. Na vida diaria, cando ves a alguén pola rúa e igual pásaslle desapercibido, eu penso: «¿Que lle faría eu a el?». Primeiro intento botarme as culpas a min mesmo. Pero non teño a sensación de terlle feito mal a ninguén. Sei que me botan a culpa dalgunhas cousas...

-¿Por exemplo?

-Por exemplo bótame a culpa Laura [Seara] porque non saíu. E eu propúxena na lista no lugar que ía, primeira, numerada, con todo o cristo que houbo. Eu fixen todo o posible, máis alá de que nós estivéramos apoiando a Sandra [Álvarez]. Eu expliqueillo un día: «¿Se en Madrid me están dicindo que ti non vas ir nin de coña, que non teña un segundo reposto...?» Era unha medida preventiva, nada máis. Todo o mundo sabía que en Madrid íana cepillar como fose.

-Falaba de Laura Seara. ¿Que pensa de Miguel Fidalgo?

-Eu creo que o tema de Miguel Fidalgo enténdese por si mesmo no que fixo el, porque é inexplicable. Unha persoa que leva 25 anos vivindo do partido e que o seu valedor sempre foi Pachi... Hostia, macho... E non era ninguén xa en Ribadavia e colleuno Pachi e levouno á Deputación. Cando nós estabamos pelexando contra o Baltar polos enchufes, Fidalgo estaba no Xulgado buscando entrar el. É unha cuestión tan sangrante que eu o único que fago é ignoralo.

-¿Foi el o urdidor da rebelión contra vostede?

-Si, si. O da xestora faise porque quere el e porque quere Pilar Cancela, nin máis nin menos.

-¿E, se é así, por que transixe Caballero?

-Porque en Madrid non ten puntos de apoio. Ao final é un recén chegado. Eu xa llo teño dito: «O primeiro órdago desde Madrid é este». E o outro día recoñeceume que o sabía. Caballero díxome que en Madrid hai un interese en que non se consolide.

-¿E por que pensa que é así?

-Porque está detrás Pilar Cancela, porque o besteirismo perdeu... Vamos a ver, a proposta de candidato de Villoslada non é nin máis nin menos que gardar o sillón por ver que pasa con Besteiro e, se non, por ver que pasa nas municipais porque Valentín pode que non sexa o presidente da Deputación... Gardar o sillón, nin máis nin menos.

«Pachi Vázquez sempre me deixou as mans libres»

Raúl Fernández admite que non xestinou ben o relevo de Ignacio Gómez como voceiro na Deputación, que acabou provocando a dimisión en bloque da executiva: «Si. É verdade que non o expliquei e ese é un erro meu. Independentemente de que teño a convicción de que daba igual, que, se non fose por iso, sería por outra cousa. Había esa dinámica de rebentar as executivas e punto. A min non me daba medo convocar esa executiva e estatutariamente era así. Eu a dúbida que tiña era se a executiva tiña competencias ou non para tomar a decisión. Entón pedín a Madrid un informe xurídico pero nunca houbo resposta».

-¿Que papel xogou Pachi Vázquez durante o seu mandato? ¿Era o líder na sombra?

-Sendo delegado de Política Territorial nunca me dixo: «Raúl, atende esta cuestión ou a outra». Nunca. Facíame o seguimento e de vez en cando falabamos. E no primeiro congreso el deume tres ou catro nomes para a executiva e díxome: «Por se che serven de algo, fai o que queiras». E non metín ningún, ningún. E nin a mínima palabra. El sempre me deixou as mans libres. Pero é verdade que estaba sempre disposto a darme un consello.

-¿E María Quintas? ¿Solucionaba os problemas ou creábaos?

-Ela solucionou moitísimos problemas. ¿Que tivo erros? Si, coma min. Ten un carácter moi diferente ao meu. Eu, cando a collín, non a coñecía. E creo que ten unha paixón pola política... A verdade é que nunca fixo nada sen consultarme a min e, sobre todo nos primeiros anos, eu tiven que delegar moitísimo. A Noela metina eu nas listas, sen pasar polas agrupacións locais, nunha decisión que soubo María un minuto antes de entregar eu a lista. E ela non estaba segura xa... A María teño moitísimo que agradecerlle. ¿Que cometeu erros polo seu ímpeto e polos enfrontamentos que houbo? Seguro que si.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Caballero díxome que en Madrid hai interese en que non se consolide»