O asasino verde

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

CASTRELO DE MIÑO

Santi M. Amil

13 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Castrelo de Miño os veciños non poden beber auga da billa por estar contaminada con arsénico. O problema está en proceso de solución, pero é un exemplo máis da presenza recorrente deste veleno na sociedade occidental. No cadro de Rembrandt A Rolda de noite pintado en 1642 descubriuse un pigmento que contén arsénico.

 

Na Inglaterra vitoriana, o arsénico foi a causa de moitas mortes, camuflado baixo outro pigmento descuberto polo químico Carl Wilhelm Scheele. Tiña unha fermosa cor verde e servía para tinguir teas e papeis. Pintores famosos como Turner e Manet usárono nos seus cadros, e con este pigmento pintábanse os vestidos verdes dos retratos das damas da época. As máis afectadas foron as costureiras, que dedicaban horas a manipular os tecidos, pero tamén sufriron as consecuencias as damas que vestían os traxes e mesmo os acompañantes e sobre todo os nenos, dos que os cuartos adoitaban estar cubertos de alegres papeis pintados co «verde Schele». Desde 1931 a difusión destes papeis e teas estaba prohibida no Reino Unido, pero seguiron exportándose ao resto do mundo.

Hoxe o arsénico está presente en multitude de alimentos, porque se atopa no chan onde medran as plantas, ou na auga coa que se regan. O arroz considérase o máis perigoso porque contén arsénico inorgánico e tamén algunhas algas. O marisco contén moito arsénico, pero é menos perigoso por ser da variedade orgánica. O veleno verde deixou a súa pegada na pintura e tamén na literatura. Madame Bovary escolleuno para suicidarse. Iso aumentou a fama daquel silencioso asasino que agora anda por Castrelo de Miño.