Agroma o monte

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

CASTRELO DE MIÑO

23 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No capítulo anterior, tiñamos unha moción de censura no Concello de Castrelo de Miño, logo veu a de Laza e hoxe hai outra en rexistro no concello de Viana do Bolo. Facendo un paralelismo cos gromos de covid-19: se non mantemos as condicións hixénico-sanitarias da nosa democracia, calquera décima de febre pode levar ao traste o traballo colectivo. Por iso existe un pacto antitransfuguismo, que aplica aos partidos asinantes. Pero queda esquecido como quen atravesa o río Lethes, e xa o xeneral Décimo Junio Bruto, é incapaz de chamar a súa tropa polo seu nome, quedando todos libres da carga que supón ser firmes a unhas bandeiras políticas asumindo o estandarte populista.

No anterior capítulo tamén tiñamos unhas veigas asolagadas polo salto de Castrelo, que no meu caso, foron configurando a árbore familiar. A emigración a Alemaña foi obrigada polas circunstancias, e atrás quedaron tamén os montes, que daquelas eran bancos, (ou iso se dicía) para quedar entre marcos esquecidos para a miña xeración.

Continuamos dende aquí, neste capítulo, seguindo o artigo de Eduardo Rico Boquete, La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935,no que documenta e pon en contexto o que foi a industrialización da Galiza, que foi medrando ata ser por estatística a metade de España. Se 2/3 da superficie galega é monte, tendo todo tan a man, foi un dos primeiros que a comezos do século XX foi modernizado, dende serras movidas por enxeños hidráulicos ata a chegada do vapor. Isto fixo das xentes das aldeas expertos en afiados mecánicos, soldadura, e logo en caldeiras e válvulas. Apréndese, crease tecido e queda coñecemento cando existe unha necesidade de progreso. Sempre campa máis falar da naval de Ferrol, como polo industrial, pero foron o aserradeiro, xunto coa industria conserveira, quenes espallaron a nova era.

Se o monte foi o factor clave para o agromo da industrialización de Galiza, para poder abandonar ao amo e ser dono de si, ¿por que arde o monte? ¿que estruturas quedan nos esquemas mentais para non relanzar de novo o que foi sostible e garante do noso futuro?

Ourense Concello vai ter un centro de intelixencia artificial, Ourense provincia é onde arde, intelixencias artificiais hai moitas, intelixencias arborícolas son as necesarias para superar a crise que galopamos actualmente.