Unha campaña arqueolóxica afondará no coñecemento do xacemento de Santa Lucía

La Voz OURENSE / LA VOZ

CASTRELO DE MIÑO

duvi

O Concello de Castrelo de Miño e a Facultade de Historia financian os traballos no enclave galaico-romano

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O xacemento galaico-romano de Santa Lucía, en Astariz (Castrelo de Miño), ten sido obxecto de campañas de escavación nos anos 2016 e 2017. Uns traballos nos que se salientaron aspectos como a morfoloxía do enclave -«moi alongada e cunha extensión media de 275 hectáreas»-, a presenza de grandes batolitos graníticos -«especialmente na croa, onde destaca o inmenso penedo de Santa Lucía»-, os achádegos vencellados á desaparecida capela -«da que se atoparon numerosos sillares modulares e incluso pintados»-, a ocupación do xacemento durante un amplo intervalo de tempo -da etapa galaico-romana á tardo romana e ata medieval e moderna- e a localización do primeiro lagar rupestre datado do Noroeste peninsular «e un dos poucos que conta con datación en toda a península ibérica».

Unha circunstancia, esta última, que segundo os promotores das escavacións axuda «a constatar, sen lugar a dúbidas, que xa se producía viño na comarca do Ribeiro desde inicios da dominación romana na Gallaecia, no século I despois de Cristo». Agora, as actuacións no xacemento de Astariz terán continuidade en base a un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Castrelo de Miño.

Os traballos comezan o día 31

A nova campaña foi presentada na casa consistorial nun acto no que participaron o alcalde, Esteban Suárez, e Fermín Pérez, director do proxecto e un dos investigadores principais do GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da Universidade de Vigo, ademais de ser profesor na Facultade de Historia do Campus de Ourense. O obxectivo nesta nova campaña, na que os traballos se desenvolverán do 31 de xaneiro ao 4 de abril, é realizar unha sondaxe arqueolóxica no seu aterrazamento principal e facer o rexistro fotogramético de varios sectores do castro.

Outro dos grandes eixos do proxecto do GEAAT será documentar e rexistrar «tanto a nova área escavada do xacemento» como outras que teñen visibles «unha gran cantidade de estruturas rupestres».

Implicar aos

veciños

Os responsables da campaña tamén queren «que a divulgación e participación da poboación local nos traballos da escavación sexan un piar fundamental» e por iso haberá, entre outras accións, xornadas de portas abertas.