Asolagados

Xosé M. Rodríguez ANACOS

CASTRELO DE MIÑO

27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Imos devecendo como provincia ao tempo que se esvaece a memoria e ficamos sós. Ourense xa é como un poema de Manuel Antonio, e daquela tamén nós imos mirrando fronte ao silencio da despoboación, o abandono e a perda dos sinais de identidade. Unha realidade que semella quedar moitas veces fixada na vontade dalgúns dos nosos e que é comprendida, e recoñecida, en escenarios ben distintos e distantes.

Unha das pragas desta provincia chegou pola auga. Nesa noite negra da ditadura algúns amorearon presas de millóns, a seguir ingresando durante toda a vida, cos encoros. As mellores terras desapareceron e os pobos foron arrasados pola forza do poder dominante e polas augas. Nalgunhas zonas houbo lembradas revoltas, caso de Castrelo de Miño, e noutras veciños que se armaron co que tiñan de man para deixar fixada unha realidade que xa fora condenada polo poder. Neste caso dos dous gobernos da península.

Francisco Villalonga colleu a súa cámara Explorer para deixar testemuña, naqueles xa prehistóricos VHS, de como o embalse de Lindoso foi matando aos pobos galegos da raia. A memoria da súa familia, da colectividade, da abondosa pesca no Limia, das colleitas, da arquitectura sen arquitectos, das protestas veciñais e moitos outros materiais quedaron gardados para sempre na historia audiovisual galega ao pasar a formar parte do documental Os días afogados. As dúas casas da familia en Aceredo fican para sempre debaixo das augas do encoro de Lindoso, mais Villalonga -como lembra na última páxina do xornal- reivindica a raia como un dos paraísos descoñecidos de Ourense.