«En toda a comarca do Ribeiro hai moitos afeccionados ás motos clásicas»

A concentración anual das Festas do Portal sairá de Castrelo de Miño e pasará por Leiro


Ribadavia acollerá mañá, dentro das actividades das Festas do Portal, a terceira edición da Xuntanza de Motos Clásicas O Ribeiro. A primeira hora da mañá, ás nove, concentraranse os participantes no parque náutico de Castrelo de Miño e desde alí partirá a expedición. Luis Rodríguez González é o responsábel da organización desde o colectivo Os Paxaros.

-Este ano manteñen a exposición de motos?

-Xa é unha das propostas das festas. Hai varias semanas que se poden ver; son 17 motos en 16 escaparates. Xa sei que o número non cadra pero a explicación é sinxela: no comercio onde hai dúas é porque son do dono do local.

-A saída será desde Castrelo de Miño.

-Mantemos alí o punto de concentración dos participantes. Haberá bendición das motos por parte dun crego e unha oración polos moteiros falecidos.

-O percorrido mantense?

-Non. O que tentamos facer cada ano é dar a coñecer as diferentes zonas do Ribeiro e facemos trazados para pasar por distintos lugares. O ano pasado percorremos as terras de Cortegada e este domingo iremos por Leiro. Pasaremos por San Clodio, haberá un aperitivo en Leiro, achegarémonos ata Berán e o seu balneario e tamén visitaremos a adega Torre do Castelo, onde se poderán ver os traballos da vendima. E logo tiraremos cara a Ribadavia e haberá, entre outras actividades, exposición de motos clásicas fronte ao castelo.

-Canta xente participará na actividade?

-En principio contamos xa con sesenta persoas inscritas. Íamos ser máis pero uns quince compañeiros que estaba previsto que participaran non poden acudir ao vir adiantada a vendima.

-De onde proceden os participantes?

-Aos que son do Ribeiro engádese a xente que virá de Vigo, Verín, Ourense, Chantada e A Coruña.

-Hai moita afección na vila de Ribadavia?

-En toda a comarca do Ribeiro hai moitos afeccionados ás motos clásicas. Só hai que ver a cantidade delas que aparecen cada vez que empezamos a organizar a mostra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«En toda a comarca do Ribeiro hai moitos afeccionados ás motos clásicas»