Ourense queda sen representación na RAG

x. m. r.

CASTRELO DE MIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Coa morte de Xosé Fernández Ferreiro desaparece o único dos trinta académicos natural da provincia

08 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega colgaba o pasado día 19 de decembro na súa páxina web a nova titulada O mundo das letras despide ao seu afiador. No texto daba conta a RAG da desaparición do escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, Nogueira de Ramuín, 1931 - A Coruña, 2015). Na despedida ao autor de Morrer en Castrelo de Miño tomaron a palabra amigos ou compañeiros como o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, e Víctor Campio, o seu editor Manuel Bragado (Xerais) e dous dos seus vellos amigos dos tempos de mocidade, e creadores como el do colectivo Brais Pinto: Xosé Luis Méndez Ferrín e Bautista Álvarez.

Coa morte de quen foi un pioneiro en moitas cousas -A morte de Frank González, a primeira novela de vaqueiros galega segue a ser unha obra de referencia- desaparece o único ourensán que formaba parte por dereito propio da Real Academia Galega, onde ingresaba no ano 2013. A RAG conta na actualidade con trinta académicos no seu plenario, ademais de membros de honra e correspondentes.

Dos representantes de número que forman parte do pleno, neste momento vinteoito logo do pasamento de Xosé Neira Vilas e Fernández Ferreiro, ningún é orixinario da provincia de Ourense. Si que ten un estreita relación coa provincia o presidente da institución, xa que a familia de Xesús Alonso Montero ten as súas orixes en Ventosela (Ribadavia) e nesta localidade pasou tempadas o escritor e profesor.

As provincias de A Coruña e Pontevedra son as que contan cunha maior representación na Real Academia Galega, cada unha con once membros -no caso da segunda dez logo do pasamento de Neira Vilas-, e a de Lugo ten presenza con sete académicos.

A RAG deberá iniciar agora o proceso para cubrir as dúas baixas que nas últimas semanas se produciron na institución. Daquela a institución encetará as xestións para elexir aos sustitutos de Ferreiro e Neira Vilas.