Jaime Sousa: «Nunha mancomunidade non se pode mirar a cor política»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE /LA VOZ

CARTELLE

Santi M. Amil

O alcalde de Cartelle é o novo presidente de Terra de Celanova

27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O rexedor de Cartelle, Jaime Sousa, é o novo presidente da Mancomunidade Terra de Celanova, tras ser elixido en pleno esta semana. É o sucesor de José Antonio Pérez Cortés, alcalde de Quintela de Leirado, que deixou o cargo por motivos persoais.

—Como afronta esta nova tarefa?

—Asumo o cargo con moita ilusión e con gañas de traballar. Eu son novato nesto aínda que, xunto co anterior presidente, son o que leva máis tempo na mancomunidade. Como concelleiro dende 1991. Gústame a política local e a mancomunidade non deixa de ser un ente de proximidade.

—É unha das mancomunidades con mais funcións.

—Nestes días que estiven exercendo de presidente en funcións encontreime con persoal espectacular, un gran potencial nos diferentes servizos que presta a mancomunidade. Son a alma do funcionamento. O presidente é o que dirixe, pero se non contas coa xente que traballa as cousas non funcionan. Están involucrados e comprometidos e é parte do éxito de moitos dos servizos, tanto os que están nas oficinas como o resto.

—Que importancia ten Terra de Celanova para os concellos que representa?

—Aínda que cada concello ten que aportar á mancomunidade, sen ela sería imposible que moitos deles tiveran ou puideran sufragar moitos servizos. Por exemplo, Pontedeva e Quintela de Leirado terían difícil asumir os servizos sociais ou a recadación. Necesitamos estar unidos para sacalos adiante. O éxito de que funcione é os servizos que prestamos ós concellos.

—Ten xa en mente algún cambio, algunha mellora?

—Hai moitas cousas. Todo é mellorable aínda que todo funciona. Cando hai un cambio, como este, non só é de persoas senón tamén de ideas e hai xente que espera esas variacións. Queremos mellorar a limpeza e iso pasa por renovar a flota de camións que é antiga. Funcionan porque a xente que traballa os trata ben, pero algún ten 30 anos. Adquiriremos dous camións. E pensando na vila e nos bombeiros, necesitamos unha escada para poder chegar ós pisos máis altos de Celanova. Sabemos que son caros, pero buscaremos de segunda man. O anterior presidente foise coa espina cravada de non conseguir este vehículo. Cremos que é moi importante para a vila.

—Na mancomunidade hai representantes de distintas cores políticas.

—Faremos unha xestión transparente e aberta. Entendo que nunha mancomunidade non se pode mirar a cor política, eles son alcaldes e representantes dos seus municipios e temos que estar todos xuntos.