O Liceo acollerá a primeira edición do Foro Carlos Velo

La Voz

CARTELLE

No disponible

Un ciclo de películas e coloquios centrará a actividade promovida pola fundación do director e a entidade cultural

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Liceo de Ourense, Xavier Casares, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, asinaron en marzo un convenio de colaboración para desenvolver actividades de forma conxunta. A iniciativa quedou entonces adiada pola situación vivida pola epidemia do coronavirus e agora a Fundación e o Liceo de Ourense organizan a primeira edición do Foro Carlos Velo. Comezarán as actividades do referido foro cun ciclo de proxeccións vencelladas á obra de Velo ou relacionadas coa súa figura. 

Serán catro sesións -do 23 ao 26 de novembro- no Salón Nobre do Liceo e cada unha delas acollerá o pase dunha peza audiovisual e un coloquio. O luns comezarán as actividades coa proxección das curtametraxes «La ciudad y el campo» e «Felipe II y el Escorial». Presentará o acto Miguel Anxo Fernández. O día 24, martes, proxectarase a cinta «Torero», e moderará o coloquio Xosé Ramón Pousa. O mércores pasarase a cinta «Pedro Páramo» e presentará a obra Xosé Manoel Rodríguez. Pecharase o ciclo o 24, co pase de «Vieiros», de Laura Gárdos Velo. Moderará o coloquio Armando González. Todas as sesións comezarán ás 20.00 horas e os encargados de moderar as actividades forman parte do padroado da Fundación Carlos Velo.

Segundo se destaca dende a organización do foro, o obxectivo do mesmo «é lembrar e dar a coñecer á cidadanía galega a distintos persoeiros ourensáns e promover actividades vencelladas ao mundo audiovisual».

A entrada ás sesións é de balde, aínda que dende o Liceo de Ourense lémbrase que existen limitacións de aforo e seguridade «que se establecen derivadas da Covid-19, e é imprescindible reservar praza na Secretaría da Sociedade Liceista, nos teléfonos 988 22 06 50 e 988 22 25 84».